Saltar ao contido principal

Nota de Prensa. Pintadas Cruz Roja Ferrol

 




Nota de Prensa. A.C. Memoria Histórica Democrática.

A nosa Asociación condena rotundamente as pintadas de carácter racista aparecidas na fachada do local de Cruz Roja en Ferrol, realizadas en relación co labor de atención e axuda humanitaria que a organización presta a persoas migrantes.

Ningunha diferenza de opinión pode xustificar as expresións de odio contra unha entidade que desenvolve un labor humanitario e de apoio a persoas nunha situación de especial vulnerabilidade.

A atención a quen chega ao noso pais debe abordarse desde o respecto aos dereitos humanos, a dignidade, os principios de solidariedade e convivencia e a legalidade internacional. As discrepancias sobre as políticas migratorias poden e deben expresarse por vías democráticas, pero nunca mediante mensaxes racistas ou intimidatorias.

Queremos trasladar o noso apoio ás persoas traballadoras e voluntarias de Cruz Roja que desenvolven o seu labor en Ferrol e recoñecer o traballo de quen, desde o ámbito humanitario, atenden a persoas que necesitan axuda, independentemente da súa orixe ou situación.

Fronte ao racismo e a intolerancia, defendemos unha sociedade baseada no respecto, a convivencia e a dignidade de todas e todos.

Apoiamos a Concentración convocada para o vindeiro venres 25, ás 19:30 h fronte a sede de Cruz Roja, Rúa Dolores con Rúa Coruña, Ferrol.