Saltar ao contido principal

‘Mulleres da reconversión’, o documental nacido en Fene chega á Filmoteca de Galicia

 

O film de Iago Varela conta un capítulo da historia recente de Ferrolterra dende un punto de vista distinto do habitual


O percorrido do documental ‘Mulleres da Reconversión’ continúa ampliándose e a data deste venres 11 adquire un especial interese por proxectarse nun espazo vencellado á conservación e difusión do patrimonio audiovisual galego. O encontro, con entrada gratuíta ás 18.00 horas, terá lugar na Filmoteca de Galicia (A Coruña), contando coa presenza do seu director, Iago Varela, que participará nun coloquio co público no que falará do proceso creativo, das historias recuperadas durante a investigación e dalgunhas que quedaron fóra da montaxe.

“Que estas historias saian de Fene e de Ferrolterra é tamén unha maneira de incorporalas á memoria colectiva do país. A reconversión aconteceu nun territorio concreto, pero o que contan estas mulleres —o medo, os coidados, a incerteza, a resistencia ou o impacto dunha crise industrial dentro das casas— transcende ese territorio”, explica Iago Varela.

A peza, que conta co apoio da Deputación, distínguese por abordar a reconversión naval de Astano dende un lugar diferente ao habitual e, en vez de centrarse nas grandes movilizacións, os peches ou as negociacións, atende ao que estaba acontecendo neses momentos nas casas.



Historias

“Falamos dunha maleta preparada durante semanas no salón ante a posibilidade de ter que marchar traballar fóra, dos nenos acompañando ás nais para levar comida aos peches ou de familias que tiveron que reorganizar completamente a súa economía. Son historias aparentemente domésticas que, cando as xuntas, permiten entender a dimensión humana dun proceso histórico enorme”, sinala.