O Ateneo Ferrolán expresa a súa máis firme repulsa ante as pintadas de odio aparecidas na sede de Cruz Vermella en Ferrol.
As mensaxes xenófobas, machistas e de carácter intimidatorio que apareceron hoxe nas paredes da entidade constitúen un ataque non só contra Cruz Vermella, senón tamén contra os valores de convivencia, solidariedade, igualdade e respecto que deben formar parte dunha sociedade democrática.
Cruz Vermella desenvolve en Ferrol un importante labor de atención e acompañamento a persoas en situación de vulnerabilidade. Cuestionar ou discrepar das políticas migratorias ou de calquera outra cuestión social forma parte da liberdade de expresión; vandalizar, insultar e difundir mensaxes de odio contra unha entidade humanitaria non.
Desde o Ateneo Ferrolán queremos trasladar a nosa solidariedade ás persoas traballadoras, voluntarias e usuarias de Cruz Vermella, así como recoñecer o seu compromiso coa sociedade ferrolá.
Preocúpanos especialmente que este tipo de ataques se repitan. A normalización dos discursos de odio acaba por deteriorar a convivencia e por sinalar colectivos e persoas que merecen, como todas, dignidade e respecto.
Ferrol é unha cidade diversa, solidaria e plural. Fronte ao odio, máis cultura, máis diálogo, máis convivencia e máis compromiso cos dereitos humanos.
Desde o Ateneo Ferrolán dicimos NON ao racismo, á xenofobia, ao machismo e a calquera forma de violencia e intimidación.
A convivencia tamén se defende.