Saltar ao contido principal

Centos de persoas impiden en Santiago a celebración dun acto de Vox

 Unha vintena de colectivos manifestáronse esta segunda feira en Compostela nunha “concentración pacífica e democrática” contra o acto de Vox na capital galega. Nun manifesto conxunto, as entidades denunciaron a normalización de discursos que consideran reaccionarios e chaman a artellar unha “unidade popular antifascista” fronte ao racismo, o machismo, a LGBTIfobia e o "supremacismo español".


Colectivos sociais, políticos e sindicais manifestáronse esta segunda feira en Compostela nunha mobilización contra o acto de Vox na cidade. A concentración, de carácter “pacífico e democrático”, tivo lugar ás 19 horas e acompañouse dun manifesto conxunto no que os colectivos denunciaron a normalización dos discursos reaccionarios e reclamaron unha resposta unitaria fronte ao avance de posicións que, segundo sinalan, cuestionan dereitos e liberdades.

“Perante esta situación de normalización de discursos reaccionarios, a clase traballadora galega debe ser quen colla as rendas da mobilización”, sinalaron no manifesto, no que tamén chaman a coordinarse para impedir novos actos que, ao seu xuízo, “atenten contra as nosas liberdades”.

O manifesto puxo o foco especialmente na criminalización e o sinalamento das persoas migrantes, que os colectivos consideran “a versión máis recente dun supremacismo español e reaccionario”. Neste sentido, cuestionan os discursos que presentan a migración como responsábel dos problemas sociais e económicos e defenden situar no centro do debate as condicións de vida da clase traballadora.

As organizacións asinantes tamén advirten do avance de discursos que identifican co machismo, o racismo, a LGBTIfobia e o supremacismo español, que consideran ideoloxías que “apuntalan as distintas opresións” existentes na sociedade. “Non nos equivoquemos de inimigo”, recolle o manifesto, que relaciona a expansión destas ideas coa precariedade e coa división da clase traballadora. As organizacións chaman así a evitar os enfrontamentos entre colectivos e a fortalecer a organización común.

O texto reivindica ademais o papel da mocidade na mobilización antifascista e chama a que estudantes e traballadoras se articulen conxuntamente. “A mocidade non está exenta desta enorme angueira, formando parte fundamental da loita antifascista”, sinalan.

As entidades asinantes conclúen defendendo a “unidade popular antifascista” como vía para facer fronte aos discursos reaccionarios e reclaman unha mobilización sostida contra a súa expansión.

A convocatoria conta co apoio de diferentes colectivos, entre eles CNT Galiza, Galiza Nova, Erguer, Asemblea Antiimperialista, Compostela por Palestina, Ceivar, Mulleres Marxistas, Partido Comunista Revolucionario de Galiza, Foro Galego de Inmigración, Galiza Global Sumud, ContraMarea Socialista, Anticapitalistas Galiza, Isca Mocidade e STEG, segundo o manifesto difundido polas persoas organizadoras.

As entidades asinantes conclúen defendendo a “unidade popular antifascista” como vía para facer fronte aos discursos reaccionarios e reclaman unha mobilización sostida contra a súa expansión.

Así, a marcha prodúcese no contexto do acto que Vox pretendía celebrar tamén esta segunda feira en Santa Marta, coa participación de María Ruiz, deputada no Congreso español, e de Jorge Buxadé, "un dos rostros máis mediáticos e repulsivos da organización". Neste contexto, decenas de mozos e mozas vencellados a colectivos antifascistas entraron previamente no centro sociocultural para tentar impedir a celebración do encontro.