Saltar ao contido principal

A Comunidade Palestina na Galiza constitúe 'Falastín' para reforzar a súa representación e a colaboración coa sociedade galega

 A presentación pública marcou o inicio dun proxecto chamado a converterse no espazo de referencia da comunidade palestina na Galiza, fortalecendo as pontes coa sociedade galega e coa rede de entidades e colectivos que desde hai anos amosan o seu compromiso coa causa palestina


A Asociación da Comunidade Palestina na Galiza - Falastín celebrou este sábado o seu acto oficial de presentación no Hotel Araguaney, en Santiago de Compostela, nun encontro que marca o inicio dunha nova etapa para a comunidade palestina asentada na Galiza. 


A entidade nace coa vocación de converterse no espazo de referencia da comunidade palestina no país, articulando unha colectividade que até o de agora permanecía dispersa e dotándoa dunha voz propia para representar os seus intereses, fortalecer os seus vínculos e establecer unha comunicación directa coas institucións, co tecido asociativo e coa sociedade galega en xeral. 

Durante o acto, a Xunta Directiva presentou os obxectivos fundacionais da asociación e puxo de manifesto que Falastín responde a unha necesidade compartida pola comunidade palestina: contar cunha organización estábel que canalice o traballo colectivo, favoreza o encontro entre as familias palestinas residentes na Galiza e sirva como punto de referencia para as futuras xeracións.
 
A presentación contou tamén coa participación da alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, que acompañou a posta en marcha pública da asociación, así como coa asistencia de representantes de partidos políticos, organizacións sindicais e numerosas entidades do tecido asociativo e solidario galego.

 Durante as intervencións, a Xunta Directiva quixo trasladar tamén unha mensaxe de compromiso coa defensa da identidade e dos dereitos do pobo palestino, expresando a vontade de manter viva a conexión con Palestina sen deixar de agradecer a acollida e o apoio recibido por parte da sociedade galega. Un compromiso que, sinalaron, pretende transformar a solidariedade existente nunha acción colectiva organizada, aberta á colaboración e ao diálogo. 

Co seu nacemento, Falastín “dá un paso decisivo para fortalecer a organización da comunidade palestina na Galiza”, din os representantes da asociación, e “para contribuír, desde unha voz propia e colectiva, á construción dunha sociedade máis cohesionada, diversa e comprometida cos dereitos humanos”.