Privada, concertada e pública concordan en que esta etapa enteira dependa da Consellería e citan este xoves 7 no Cantón
A plataforma que agrupa ás persoas traballadoras do primeiro ciclo de Educación Infantil, de 0 a 3 anos, convoca este xoves 7 distintas concentracións nas cidades galegas, formando parte dunha folga de alcance estatal, con reivindicacións compartidas a pesar de incluír particularidades das distintas Comunidades. En Ferrol, o punto de encontro será a praza da Constitución, no Cantón, ás 18.00 horas, e anímase a todo o mundo en xeral a asistir con roupa amarela para apoiar esta mobilización que repercute tanto “no futuro da sociedade”.
Xa no 2022 xurdía nunha protesta en Navarra o que sería o xermolo da plataforma estatal e divisións autonómicas, entendendo que “en todo o territorio español hai certas carencias, tanto no ciclo como na situación laboral das traballadoras”, explica unha das integrantes do colectivo galego, Lucía Castro, que destaca o feito de que, “escolas privadas, públicas, concertadas, de xestión directa e indirecta, de puntos de atención á infancia, casas niño, sindicatos... todos estamos a un” pola dignificación do sector de 0 a 3 anos.
Segundo resaltou a voceira, mañá convócase unha “folga con servizos mínimos abusivos: nos están obrigando a case toda a plantilla a ir traballar”, poñendo o exemplo de que nun centro con seis educadoras soamente poderían manifestarse dúas.
Reivindicacións
“Unha das nosas reivindicacións son que nos pasen á Consellería de Educación, como etapa educativa recoñecida legalmente”, resalta Castro, xa que Infantil non só contempla o período dos 3 aos 6 anos senón tamén o anterior, e até o momento sepárase este tramo facéndoo dependente de Política Social.
“Non ten sentido”, expresa, xa que neste nivel “todo é educativo”, e a pesar de que haxa algún momento con maior carga asistencial, como o de cambiar o cueiro, tamén neste punto se atopan interaccións con repercusión, por exemplo, nas “habilidades fonolóxicas e lingüísticas”, relata a voceira, concluíndo que “no 0-3 fórmanse moitísimos trazos da personalidade e de interactuación”.
Tamén se reclama a “baixada de ratios atendendo ás recomendacións europeas”, xa que neste momento, en Galicia poden adxudicarse, para unha soa educadora, oito bebés, 12 nenos e nenas de 1-2 anos ou 20 pequenos de 2-3. En relación con isto, solicítase o establecemento dunha parella educativa para poder cubrir eses momentos asistenciais.
“Pedimos máis recursos tanto materiais como humanos para a atención temperá”, engade a voceira, sinalando o importante labor das educadoras infantís na detección de problemas do desenvolvemento, e que “se nos inclúan tempos de atención non directa”, para titorías, programas e funcións “que agora facemos no noso tempo libre”. Ademais da revisión do calendario escolar, estas son algúns dos obxectivos fundamentais.