Saltar ao contido principal

‘HeART of Gaza’, unha mostra internacional que xa está no Centro Cultural Universitario da man de BDS Galiza

 

Tras verse en moitos países, Ferrol con Palestina fai chegar á cidade a idea na que ademais colabora unha morea de famosos




Os debuxos feitos por nenas e nenos gazatíes entre 3 e 17 anos de idade, en pleno xenocidio, que forman parte do proxecto internacional ‘HeART of Gaza’, expóñense dende este mesmo martes no Centro Cultural Universitario, complementados cunha serie de textos e códigos QR que enlazan ás gravacións coas que colaboraron distintas personalidades de moi diversos eidos. A cineasta Jaione Camborda, o actor Luis Zahera, a escritora Paula Carballeira ou o físico e divulgador científico Jorge Mira son só algúns exemplos dos nomes que contribuíron á iniciativa impulsada por Ferrol con Palestina a través do movemento BDS Galiza, co apoio da Oficina de Cooperación e Voluntariado da UDC.

Antes de dar por inaugurada a exposición que permanecerá aberta a todo o público interesado até o 17 de abril no primeiro andar do Centro Cultural Universitario, no salón de actos Concepción Arenal celebrouse un acto de presentación do proxecto, da man de representantes de Ferrol con Palestina e da Federación de ANPAs de Ferrolterra, que tamén respaldou a iniciativa.

Entre as intervencións destacou a do palestino asentado na cidade Amir Ismail Hejazy, por achegar o testemuño máis directo posible da barbarie que viven os pequenos e pequenas autores dos debuxos, dos que algúns “xa non están con nós”, tal como apuntou Ana Santiago, de Ferrol con Palestina, que tamén deu conta do apartado da exposición que permite participar aos visitantes nun “intercambio artístico” de nivel internacional.

Amir Ismail Hejazy tamén naceu e creceu en Gaza, de onde fuxiu hai 43 anos: “aquilo era un inferno, pero nunca me imaxinei que ía ver outro, o que está vivindo agora a miña familia”, unha situación de “devastación, porque non só matan ás persoas, destruíron todo: os edificios, as escolas, as universidades, os hospitais...”, relatou.

Neste encontro previo tamén participou a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares, que animou a consultar o manifesto aprobado por unanimidade polo Consello de Goberno da institución coruñesa, no 2024, baixo o nome de “UDC por Palestina”, e sinalou que “acoller esta exposición non é un xesto simbólico, senón unha expresión de compromiso da universidade pública coa dignidade humana, coa cultura e cos valores universais”.

Os relatorios intercaláronse coa interpretación musical como solistas de tres alumnos do conservatorio Xan Viaño, por orde, Breogán Paz López (acordeón), Paula Seoane Otero (nun piano cuberto coa bandeira palestina) e Jacobo Nieto López (cello).

O proxecto

As 48 obras que integran a exposición ‘HeART of Gaza’ tratan de “reverter a deshumanización baixo a que está o pobo palestino e dar voz aos máis vulnerables, que son sempre os nenos e as nenas”, explicou Ana Santiago.

Ela mesma ocupouse de relatar as orixes dun proxecto que tivo o seu xermolo “cando Mohammed Timraz, un rapaz de Gaza, mantiña conversas despois do 7 de outubro de 2023 con Féile Butler, unha arquitecta de Irlanda”, nas que lle enviaba os debuxos que facían os seus sobriños, Qamar Timraz (unha das sinaturas que priman na mostra) e Mohammed Musbah Timraz, este último asasinado o día 30 dese preciso mes.

As portas do Centro Cultural Universitario permanecerán abertas de luns a venres, de 9.00 a 21.00 horas, e os centros educativos que desexen concertar unha visita guiada poden solicitala poñéndose en contacto en ferrolconpalestina@gmail.com ou no 665 024 469.