O centro cívico de Canido será o primeiro escenario do programa que organizan Muíño do Vento, a Asociación Veciñal e a SRD do barrio polo Día da Árbore. Neste espazo terá lugar, este mesmo mércores 18, a partir das 19.00 horas, a palestra de María José Leira Ambrós ‘A importancia de conservar as alamedas’.
A bióloga, autora de títulos como ‘Guía de las plantas dunares de Galicia’, ‘Los jardines del Campus de Esteiro’ ou ‘As alamedas ilustradas de Ferrol’, popular tamén pola súa faceta de pintora, ofrece unha nova oportunidade de achegarse á temática que presentou o mes pasado no Ateneo Ferrolán.
Actividades
Deixando un día de descanso polo medio, o programa polo Día da Árbore continuará este venres 20, ás 11.00 horas, coa plantación dun carballo que contará coa colaboración do IES Canido. Este exemplar constituirá o primeiro que se integrará na poboación dos Xardíns dos Mestres e Mestras, un terreo localizado no antigo parque canino do barrio ferrolán en cuestión.
Nesta mesma xornada rematará a proposta do tecido asociativo, a partir das 19.00 horas nas instalacións do IES Canido, cando comezará a conferencia ‘Juan García Niebla: Entre a innovación pedagóxica e o compromiso cidadá’. Como xa indica o título, esta intervención, que correrá a cargo do historiador e escritor local Guillermo Llorca, xirará arredor da figura do mestre ao que se rende homenaxe na presente edición.
Dende a organización animan tanto á veciñanza como a toda a cidadanía a participar nas actividades, que terán continuidade nos Xardíns de Mestres e Mestras con máis homenaxes.