Hoxe a nosa Asociación Cultural Memoria Histórica Democrática, acompañou ante a Fiscala Delegada
provincial de Memoria Democrática e Dereitos Humanos, nos Xulgados de Ferrol, a Ángel Mato e
Gloria Gómez, que demandan, en representación da súa familia, a declaración como vítima da
represión franquista do seu avó Miguel Escalona Gómez e a anulación da súa condena a cadea
perpetua.
Miguel Escalona (Bergara, Logroño, 1896), Auxiliar Naval, ingresado na Armada en 1912, cun longo e
brillante historial profesional, con varias condecoracións durante a Guerra de Marrocos, estaba, en
xullo de 1936, destinado nos Cuarteis Vellos do Arsenal e mantívose fiel ao goberno lexítimo
republicano, tratando pacificamente de facer fronte ao golpe militar.
Detido no penal da Escollera e no buque prisión “Plus Ultra” foi sometido a Consello de Guerra, a
mediados de 1937, sentenciado a pena de morte, conmutada despois por reclusión perpetua e enviado a cumprir condena ao Penal de Casería de Ossio e Prisión de La Carraca, en Cádiz.
En liberdade nos anos corenta, regresou a Ferrol coa saúde deteriorada a causa das inhumanas condicións de prisión. Faleceu en 1953 aos 57 anos. Estaba casado coa ferrolá Gloria Purriños Vidal, con quen tivo 4 fillos: Miguel, Gloria, Isabel e Ramona-Sofía.
Agora os seus netos, mediante este procedemento habilitado pola Lei da Memoria Democrática, queren que se repare a memoria do seu avó, que se mantivo fiel ao goberno que considerou lexítimo e o que fixo foi tentar lograr, pacificamente e sen violencia, unha sociedade máis xusta e democrática. Piden a anulación dunha condena totalmente inxusta.