Saltar ao contido principal

Lectura na Coruña e Ferrol dos nomes das 20.000 crianzas asasinadas por Israel en Gaza

 Ducias de persoas voluntarias participan nos actos para denunciar o masacre de menores palestinos polo Exército Israelí.


Abdullah Mohammed,  Abdullah Alsayed, Hamed Suleiman, Mohameed Amer Yasser Al-Masri, Joud Mohammed Nour Hassenein.... Estes son só algúns dos 20.000 nomes dos nenos e nenas asasinados por Israel na Faixa de Gaza durante estes dous anos. Algúns, esmagados baixo os cascallos dun edificio civil atacado nun bomdardeo israelí, outros queimados vivos en tenas de refuxiados polas bombas de Israel, outras asasinados dun tiro na testa por un francotirador do Exército israelí cando facían cola para obter axuda humanitaria, outras de desnutrición...

En Ferrol e A Coruña esta sexta feira escoitáronse os nomes dos nenos e nenas asasinados no xenocido de Gaza. “Os nomes” na Coruña e “As crianzas teñen nome en Ferrol”. O primeiro  organizado por BDS e Cuac Fm, o segundo pola plataforma Ferrol por Palestina.

Nos actos participaron ducias de persoas, que se foron aquendando para ler un a un os nomes das menores asasinadas. Estas cidades collen así o relevo doutras onde xa se desenvolveu esta lectura pública, como Ourense, onde máis de 100 persoas voluntarias participaron no acto, que se desenvolveu durante case 10 horas. En breve, outras cidades galegas van realizar tamén estas lecturas publicas, estando actualmente na fase de inscrición de voluntarias para participar nas mesmas.

Polo menos un neno ou nena palestino foi asasinado cada hora de media polas forzas israelís en Gaza durante estes meses de xenocidio, segundo Save the Children e outras ONG que traballan coa infancia. Os últimos datos publicados pola Oficina de Medios do Goberno en Gaza mostran que polo menos 20.000 nenos e nenas —aproximadamente 2% da poboación infantil de Gaza— foron asasinados desde outubro de 2023.

ferrol1
Lectura en Ferrol. (Foto: Ferrol por Palestina)

Polo menos 1.009 dos nenos e nenas asasinados tiñan menos dun ano de idade, e case a metade (450) destes bebés naceron e morreron durante a guerra.

Segundo o Ministerio de Saúde, polo menos 42.011 nenos e nenas resultaron feridos, e o Comité da ONU sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade informa que polo menos 21.000 quedaron con discapacidades permanentes.

Miles máis están desaparecidos ou se presume que están sepultos baixo os entullos. Tras 24 meses de invasión israelí, a vida dos nenos e nenas que sobreviviron está en risco cada día. Polo menos 132.000 nenos e nenas menores de cinco anos corren risco de morrer por desnutrición aguda.



.