Saltar ao contido principal

Miguel Anxo Fernán Vello fala no Ateneo de Francisco Miguel, que recibe sepultura tras 89 anos

 O artista asasinado no 36 relacionouse con iconas de entón como Picasso, Rivera e Frida Kahlo


Fuco Buxán volve á actividade cultural despois do verán cunha das súas charlas-coloquio. Nesta ocasión, a entidade local colabora coa Asociación para la Recuperación de la Memoria Histórica –ARMH– para sumarse á reivindicación da vida e obra do pintor Francisco Miguel (1897-1936), ofrecendo unha sesión este martes, ás 19.00 no Ateneo Ferrolán, cuxo relator será Miguel Anxo Fernán Vello, poeta, dramaturgo, pintor, editor e fundador de Edicións Espiral Maior.


Este acto titulado “Francisco Miguel, vida, arte e crime”, que será presentado polo poeta e crítico de arte Xulio Valcárcel, forma parte do programa divulgativo “A vangarda arrebatada”, organizado pola Deputación da Coruña e a ARMH, en colaboración con Fuco Buxán e o Ateneo.


O pintor arredor do que xira o encontro, nacido na Coruña, foi un referente do posvangardismo galego a pesar de que a súa arte non fora coñecida até moi recentemente. Tal e como destaca o propio relator, foi determinante a publicación en 1999 do libro “Entre Vanguardias. Francisco Miguel, pintor gallego y mexicano (1897-1936)”. A súa obra caracterízase pola figuración propia do panorama europeo de entre guerras e foi enriquecéndose con experiencias como a que lle levou a residir catro anos en París e posteriormente en Cuba México.


Trátase dun artista ligado á revista Alfar que, nas súas viaxes intercontinentais, relacionouse cos profesionais máis importantes do sector naquel momento, como Picasso, Rivera, Frida Kahlo, Siqueiros, María Izquierdo ou Rufino Tamayo. Precisamente este ano recuperáronse os seus restos nunha foxa común en Carballo, que serán soterrados o luns 29.


Fernán Vello, que foi deputado no Congreso en dúas lexislaturas, recibiu o Premio Nacional de la Crítica no 1985 –cando tamén foi finalista do Premio Nacional de Literatura– e 2005.