9 de naio: Os Pobos Europeos Pola Paz

O 9 de maio, cando se cumpren 80 anos do final da II Guerra Mundial, A Coruña Pola Paz convoca unha concentración ás 20:00 horas na praza de Pontevedra para sumarse ao European Peace Project, que promove accións descentralizadas en toda Europa en defensa da paz.
Baixo o lema “Os pobos europeos pola paz”, reclamaremos o fin das guerras, a paralización do gasto militar e o compromiso coa resolución pacífica dos conflitos e coa inversión social. Será tamén un acto de homenaxe ás vítimas da guerra, do odio e da indiferencia en todo o mundo.
Animamos a asistir vestidas e vestidos de branco ou levando bandeiras brancas como símbolo de paz, e a traer unha flor para ofrecer no acto.
É o momento de erguer a voz pola paz. Súmate!
Manifesto Proxecto Europeo de Paz
Hoxe, 9 de maio de 2025, exactamente 80 anos despois do final da Segunda Guerra Mundial, que custou a vida de 60 millóns de persoas, nós, a cidadanía de Europa, erguemos a voz!
Avergóñannos os nosos gobernos e a Unión Europea, que non aprenderon as leccións do século XX. A UE, concibida no seu día como un proxecto de paz, perverteuse e traizoou así a esencia de Europa.
Nós, a cidadanía de Europa, tomamos hoxe, 9 de maio, o noso destino e a nosa historia nas nosas propias mans. Declaramos o fracaso da UE. Poñemos en marcha unha diplomacia cidadá e rexeitamos a guerra planificada contra Rusia! Recoñecemos a corresponsabilidade de Occidente, dos gobernos europeos e da propia UE neste conflito.
Nós, cidadás e cidadáns europeos, xunto co Proxecto Europeo de Paz, opoñémonos á hipocrisía descarada e ás mentiras que se están a difundir hoxe —no Día de Europa— nas cerimonias oficiais e nos medios públicos.
Tendemos a man á cidadanía de Ucraína e Rusia. Formades parte da familia europea e estamos convencidas de que xuntas podemos organizar a convivencia pacífica no noso continente.
Temos ante os ollos as imaxes dos cemiterios militares, desde Volgogrado até Riga, pasando por Lorena. Vemos as tumbas recentes que deixou esta guerra sen sentido tanto en Ucraína como en Rusia. Mentres a maioría dos gobernos da UE e as persoas responsables da guerra ocultan e reprimen o significado que a guerra ten para a poboación, nós aprendemos a lección do século pasado: Europa significa “Nunca máis a guerra”.
Lembramos os logros da construción europea do século pasado e as promesas feitas en 1989 tras a revolución pacífica. Reclamamos a creación dunha organización xuvenil euro-rusa, inspirada na organización xuvenil franco-alemá de 1963, que puxo fin á “inimizade herdada” entre Alemaña e Francia.
Esiximos o fin das sancións e a reconstrución do gasoduto Nord Stream II. Negámonos a que os nosos impostos se destinen a armamento e militarización en detrimento do estado do benestar e das infraestruturas públicas.
No marco dunha conferencia de paz da OSCE, pedimos a creación dunha arquitectura de seguridade europea con Rusia e non contra ela, tal como se establece na Carta de París de 1990.
Reclamamos unha Europa neutral, emancipada dos Estados Unidos, que desempeñe un papel mediador nun mundo multipolar. A nosa Europa é poscolonial e posimperial.
Nós, cidadás e cidadáns de Europa, declaramos o fin desta guerra! Non participaremos nos xogos de guerra. Non converteremos as nosas mulleres e homes, en soldados nin en enfermeiras e enfermeiros de guerra, nin aos nosos países en campos de batalla.
Ofrecémonos a enviar de inmediato unha delegación cidadá europea a Kíiv e Moscova para iniciar un diálogo. Non seguiremos a asistir impasibles ao sacrificio do noso futuro e do das nosas fillas e fillos no altar da política do poder.
A cidadanía europea non esquecemos as vítimas que deixou a guerra por todo o mundo. Hoxe, máis ca nunca, temos moi presente o xenocidio contra Palestina, que está a perpetrar o goberno israelí coa complicidade dos gobernos e das institucións europeas. Denunciamos esa complicidade e esiximos o seu fin.
Achegádevos e deixade as vosas flores como homenaxe a todas as vítimas das guerras e do odio ao longo de todo o mundo. A cidadanía europea lembramos cada unha destas ausencias insubstituíbles.
Con este acto queda constituída a plataforma A Coruña Pola Paz, coa que continuaremos traballando de xeito permanente para esixir a paz mundial e a xustiza social.
A plataforma está aberta ás adhesións de calquera persoa, entidade, colectivo, asociación… que queira participar desta loita. Grazas a todas as que xa formades parte do proxecto.
- Asociación Veciñal As Xunqueiras – Mesoiro – Vío
- Asociación Veciñal Lonzas, Avenida del Ferrocarril, San Cristóbal das Viñas
- Asociación Veciñal Feáns “O Freixo”
- Asociación Veciñal Monte Martelo
- Asociación Veciñal San Cristóbal das Viñas Os Anxos
- Asociación Veciñal San Cristovo das Viñas
- Asociación Veciñal e Cultural Oza Gaiteira Os Castros
- CUT Galiza
- E Brigantium Atlántica e Verde
- Greenpeace
- Marcha Republicana de Galicia
- Modepen Coruña
- Mundo Sen Guerras E Sen Violencia A Coruña
- Podemos A Coruña
- Poten100mos
- Sindicato da Elevación Galicia
- Sindicato Labrego Galego
- Solidariedade Galega
- Unión Comarcal Comisións Obreiras A Coruña
- Vangarda Obreira