Saltar ao contido principal

17 de maio: manifestación, foliada e proceso social pola lingua

 Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2025.- Queremos Galego anunciou esta mañá en rolda de prensa a convocatoria de manifestación para o 17 de maio, que concluirá cunha foliada pola lingua na Praza do Obradoiro de Santiago. “Será unha homenaxe masiva á lingua e a cultura popular que se mantivo viva na voz das cantareiras”, afirmou a coordinadora da plataforma, Celia Armas, “resistindo a todos os intentos de apagala”.



Queremos Galego fai un chamamento ás agrupacións, asociacións e colectivos da música galega a participar na grande foliada pola lingua e anima a todas as persoas que participen na manifestación a traer as súas pandeiretas. A música de Lingua vital xa! tomará de novo as rúas de Compostela.  “Fronte aos enganos e mentiras da Xunta para manter a exclusión do galego e o desmantelamento da súa oficialidade”, advertiu Armas, “mostraremos cantando e bailando, a forza do pobo galego e da súa lingua”.

Queremos Galego desenvolverá plenarios por toda Galiza, durante as próximas semanas, con dous obxectivos: difundir a convocatoria de manifestación nacional e foliada pola lingua e comezar un proceso social amplo, plural e participativo para facer “o que a Xunta non ten disposición de facer”, avaliar o cumprimento do PXNLG e dos acordos nacionais e internacionais a favor do galego, detectar os obstáculos que impediron o seu cumprimento e concretar como se deben aplicar as medidas estabelecidas nestes acordos unánimes para garantir a súa eficacia. Este proceso, que se chamará Lingua vital, será presentado na praza do Obradoiro o 17 de maio.