Benjamin Netanyahu atopou en Donald Trump o seu mellor aliado. Un ano e medio despois de emprender unha inédita e mortífera ofensiva contra a Faixa de Gaza que até o momento deixou xa perto de 50.000 vítimas mortais, o primeiro ministro israelí foi recibido con honores na Casa Branca para ver satisfeitas todas as súas pretensións. Lonxe de reprender o máis mínimo o seu homólogo por dirixir incontábeis ataques contra zonas residenciais, hospitais e campamentos de refuxiados, por impedir o traballo da ONU ou por sumir na máis absoluta miseria decenas de miles de persoas, Trump abriu a porta a executar unha limpeza étnica, porque non hai outra forma de catalogar o seu plan en Gaza. O presidente estadounidense quere expulsar das súas terras, como xa lles acontecera en 1948, a poboación palestina; neste caso fóra da Faixa. Unha nova Nakba está a xestarse xa nos despachos grazas ao impulso do cómplice necesario do Goberno israelí no seu desapiadado ataque contra Palestina, o dos Estados Unidos. E Netanyahu, claro está, aplaude coas orellas. Tanto ten que o fin último de Trump sexa que Israel lle ceda o control do enclave, pois o líder sionista está disposto a calquera cousa con tal de acabar con todo resquicio de vida alí. Cando parece que nada pode ir a peor no inferno no que converteu Palestina, Israel sempre é capaz de engadir un nivel máis de sufrimento.