Nota de prensa da unidade de acción das plataformas e movementos de pensionistas de Pobos e Comunidades do Estado.
GOBERNE QUEN GOBERNE, AS PENSIÓNS E OS DEREITOS DEFÉNDENSE!
Nota de prensa da unidade de acción das plataformas e movementos de pensionistas de Pobos e Comunidades do Estado.
3 de febreiro de 2025
Tras coñecer que novamente está en vigor o incremento das pensións para 2025 así como outras medidas que forman parte do denominado escudo social deixamos sen efecto, de momento, as mobilizacións que anunciaramos no caso de que non se houbera reconducido a situación creada o pasado día 22 de xaneiro.
Con todo, as plataformas e movementos de pensionistas abaixo firmantes reiteramos a nosa indignación polo mal trato escenificado no Congreso dos Deputados: o incumprimento da lei contra un dereito fundamental, como a revalorización das pensións. Isto é algo que nunca máis debe repetirse, esiximos aos partidos políticos plenas garantías para que así sexa.
Valoramos positivamente os apoios de todo tipo que recollemos, e que a nosa esixencia fose atendida. Nesta ocasión, o facer pública a convocatoria de manifestacións masivas, a nivel de todos os territorios do Estado, conseguiu impedir que traspasasen unha liña vermella infranqueable. A mobilización, unha vez máis, foi a garantía para conseguir as nosas reivindicacións, e facer rectificar a quen tentou vulnerar os nosos dereitos. Queremos deixar claro que calquera intento de volver á situación anterior a 2018 é totalmente inaceptable e reafirmamos a nosa decidida vontade de saír á rúa para impedilo.
Denunciamos tamén que nese mesmo pleno do día 22 de xaneiro e nesa ocasión cos votos do PP sumados aos do PSOE, Sumar, ERC, PNV, CC e UPN, aprobásese o decreto 11/2024, que pretende compensar baixos salarios e pensións compaxinando traballo e pensión mediante o aumento da idade de xubilación que pode chegar ata os 72 anos.
Esta lei, aínda que se di voluntaria, atrasará a idade de xubilación, en especial ás persoas con peores traballos (na súa maioría, mulleres), salarios e pensións ata equiparar idade de xubilación con esperanza de vida. Este decreto tamén supón para a mocidade retardar e deificultar a súa incorporación ao traballo, e fomenta a precarización das súas condicións laborais. Como xa dixemos no noso comunicado do 5 de agosto de 2024, isto tamén é inaceptable.
Por iso, seguiremos na rúa como o vimos facendo desde fai máis de sete anos, defendendo o Sistema Público de Pensións contra os intentos de privatización, opoñéndonos á prolongación da idade de xubilación, voluntaria ou non, esixindo o cumprimento da lei e a consecuente realización da auditoría das contas da Seguridade Social e a mellora substancial dos salarios impedindo a perda de poder adquisitivo para garantir a dignidade das pensións públicas.
GOBERNE QUEN GOBERNE, AS PENSIÓNS E OS DEREITOS DEFÉNDENSE!
COESPE (Coordinadora Estatal por la Defensa del Sistema Público de Pensiones)
EHPM (Movimiento de Pensionistas de Euskal Herria)
MADPP (Movimiento Andaluz por la Defensa de las Pensións Públicas)
MODEPEN (Movemento Galego en Defensa das Pensións e dos Servizos Públicos)
UNIDADE COESPE (Coordinadora Estatal de Pensionistas)
PLATAFORMAS DE PENSIONISTAS de Badajoz, Móstoles…
https://www.modepen.org/index.php/2025/02/03/nota-de-prensa-da-unidade-de-accion-das-plataformas-e-movementos-de-pensionistas-de-pobos-e-comunidades-do-estado/