O novo servizo ubícase no Hospital Naval de Ferrol
Perfil dos nenos e nenas no Hospital de Día
O perfil do neno ou nena que pasa por este dispositivo é amplo, dende un paciente crónico que acode pór unha medicación de xeito regular, ata pacientes con probas de tolerancia, ou un paciente infantil cun proceso agudo, como o control dun traumatismo.
A modo de exemplificación, prodúcense, entre outras moitas cuestións, a monitorización para detección de reaccións a test funcionais de alerxias; probas de tolerancia alimentaria; administración de medicación complexa ou biolóxicos; sedoanalxesia para técnicas de rehabilitación; ou atención de curas de queimaduras ou traumatismos, por mencionar algunha delas.
Outro dos perfís dos e das pequenas usuarias deste novo dispositivo son os recente nados, os lactantes que se van de alta de hospitalización pero que precisan dalgún tipo de control posterior á súa marcha para o domicilio. De feito, o tramo da primeira hora de atención dedícase a este perfil a modo de consulta de alta resolución.
“O Hospital de Día actúa como unha prolongación do tempo de hospitalización pero sen que o neno estea ingresado”, describe o responsable de Pediatría, José Luaces.
Ata o de agora, eses nenos eran atendidos no ámbito da hospitalización de Pediatría no Hospital Arquitecto Marcide, pero sen ser necesaria a súa hospitalización propiamente dita, senón só ter preto os recursos humanos e técnicos ante calquera necesidade asistencial durante a súa estadía.
A media de tempo necesaria de atención destes nenos é de entre 2 e 6 horas, segundo o caso e técnica, polo que este novo espazo habilitado no Hospital Naval ofrece un ámbito propio, e humanizado de xeito específico, para fuxir das características propias da hospitalización convencional.
Recursos para os máis pequenos Tense contratado a unha profesional de Enfermaría e unha Técnica de Coidados Auxiliares de Enfermaría para a activación deste novo dispositivo asistencial. Xunto con estas profesionais ocuparase do mesmo tamén un ou unha pediatra do Servizo. Será entre as 08:00 e as 15:00, de luns a venres. Por este novo Hospital de Día Pediátrico estímase que pasen entre 6 e 10 nenos ó día, segundo a xornada.