Saltar ao contido principal

Augas de Galiza di que Altri é "compatíbel" co río Ulla: "A calidade das augas non empeorará"

 O informe deste organismo manteñen que a "calidade das augas" do río "non empeorará" coa pasteira en Palas.


Esta segunda feira o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, indicaba a preguntas da prensa na súa comparecencia após a reunión semanal do Goberno galego que o informe de Augas da Galiza sobre o proxecto de Altri estaba “xa emitido...ou a punto de emitirse”.

Agora vén de coñecerse a conclusión deste informe de Augas da Galiza, e é que Altri sería “compatíbel” co río Ulla. Avanza a nova La Voz de Galicia, que recolle que o proxecto para pasteira en Palas de Reis é “compatíbel cos obxectivos medioambientais” e que a "calidade das augas [do río Ulla] non empeorará". Aconsella, iso si, un plan de vixiancia.

Unha opinión radicalmente contraria á que ao longo destes meses se mantivo desde diferentes entidades e organismos, que alertaron do impacto de Altri sobre o río e mesmo na ría de Arousa, e que así o plasmaron nas alegacións presentadas contra o proxecto.

O proxecto da celulosa de Altri en Palas de Rei (A Ulloa) contempla verteduras á auga do río Ulla e ao encoro de Portodemouros de sulfatos, materia orgánica de difícil descomposición, sólidos en suspensión, nitróxeno e fósforo. A auga do Ulla chegaría ás billas de 11 concellos até a ría de Arousa. 

O Estudo de Impacto Ambiental (EIA) presentado por Altri para a tramitación diante da Xunta da Galiza do proxecto da súa celulosa en Palas de Rei (A Ulloa) recoñece que a factoría vertería ao río Ulla ao día unha media de 2.000 miligramos/litro de sulfatos. Esta cantidade, multiplicada polos 30 millóns de litros de auga vertida por Altri —cantidade tamén recoñecida pola empresa no seu EIA— supoñen 60.000 quilos de sulfatos que a pasteira expulsaría ao río Ulla cada día.

Tamén contempla o estudo dentro destas verteduras á auga diarias 6 toneladas de materia orgánica de difícil descomposición, 1,5 toneladas de sólidos en suspensión, 450 kg de nitróxeno e 60 kg de fósforo, entre outras substancias. Con estes datos proporcionados no propio EIA da empresa, o físico Miguel Leiva conclúe que a actividade de Altri na auga do Ulla e no encoro de Portodemouros (nos concellos de Arzúa Santiso, Agolada e Vila de Cruces) “pode mudar o seu pH actual (que está en 7,4 ± 0,3 ) e elevalo até 9 (xusto o límite que estabelece o Plan hidrolóxico Galiza-Costa).

A vogal de Augas da Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega), Ana Fernández Santamariña, ten estudado o efluente tratado que declara Greenfiber (marca coa que Altri e Greenalia promoven a celulosa) no seu EIA, e destacaba o verán pasado a Nós Diario que “non se vertería só nitróxeno e fósforo, senón que tal e como afirman tamén emitirían outras substancias como sulfatos, que multiplicados polo caudal máximo de vertedura suporían un total de 60 toneladas ao día (60.000 kg)”, unha cifra que para esta experta é “alarmante” tendo en conta que as altas concentracións deste composto irían polo Ulla, que abastece de auga once concellos, até a ría de Arousa, ou o que é o mesmo: unha poboación de máis de 140.000 habitantes.