Saltar ao contido principal

A esperanza de vida en Palestina reduciuse 11,5 anos co xenocidio en Gaza

 Unha vida palestina é agora 17 anos máis curta que unha israelí.



As consecuencias da última invasión e dos masacres de Israel en Gaza alargaranse durante anos, décadas. Baseándose en estimacións de Perspectivas da poboación mundial 2024 das Nacións Unidas, o Instituto Tricontinental de Investigación Social e Perspectivas do Sur Global (GSI pola súa sigla en inglés) analizaron o descenso da esperanza de vida da poboación palestina causado polos bombardeos israelís en Gaza. 

Descubriron que a esperanza de vida ao nacer dos palestios reduciuse en 11,5 anos nos últimos dous anos, pasando de 76,7 anos a 65. Unha grave caída na esperanza de vida consecuencia da invasión de Gaza polo Exército israelí: os bombardeos, os masacres, os ataques, a fame, as enfermidades pola falla de medicamentos e atención.

“Non se ten coñecemento dun descenso tan rápido da esperanza de vida en ningún outro período da historia moderna da humanidade”, asegura Triconental, que publica os resultados deste estudo. "Unha vida palestina é agora máis de 17 anos máis curta que unha israelí. Esta diferenza é maior que a que existía entre negros e brancos na Sudáfrica do apartheid, que era de 15 anos en 1980”, afirman.

Esta perda de esperanza de vida non é doada de recuperar. A reconstrución da sociedade palestina e volver ter unha esperanza de vida próxima á anterior ao xenocidio requirirán anos de inmenso traballo. “Haberá que reconstruír os sistemas sanitarios: non só os hospitais e as clínicas, case todos destruídos en Gaza, senón tamén formar novos médicos e enfermeiros para substituír os que morreron. Terase que recuperar os sistemas alimentarios: non só as panadarías, senón que haberá que desintoxicar os campos e reparar os barcos pesqueiros.

Terase que reconstruír vivendas para substituír 92% dos fogares de Gaza destruídos ou danados (o que a ONU denominou “domicidio”). Haberá que reconstruír as escolas e curar o trauma mental que aflixe nenos e nenas para que sintan que estas estruturas non son tumbas, senón lugares de seguridade e aprendizaxe.

Ducias de miles de palestinos morreron nestes meses da matanza, entre eles no mínimo 14.500 nenos. Segundo un informe elaborado polo Consello Danés para os Refuxiados, a Asociación para o Desenvolvemento Agrícola e o Centro de Asuntos da Muller, entre outubro de 2023 e outubro de 2024 “máis de 90% da poboación de Gaza foi expulsada, con persoas desprazadas nunha media de 6 veces, e algunhas ata 19 veces”.

Os problemas neurolóxicos aos que se enfrontan os supervivintes son extremos, segundo se explica na reportaxe de Triconental. “Existe unha preocupación constante pola saúde mental de todas as persoas que están en Gaza, especialmente pola das infancias, que están tan profundamente traumatizados”, declarou, declarou Nebal Farsakh, da Media Lúa Vermella Palestina, sinalando que “hai polo menos 17.000 nenos e nenas non acompañados ou separados dos seus pais”. Un informe de decembro de 2024 realizado polo Centro Comunitario de Formación para a Xestión de Crise en Gaza concluíu que “o 96% das nenas e nenos de Gaza sentía que a morte era inminente”.

En Gaza hai no mínimo 50 millóns de toneladas de entullos procedentes da destrución de máis de dous terzos das infraestruturas da zona (incluído 92% das vivendas), cuxa limpeza tardará anos.