Saltar ao contido principal

Zelenski aceptaría renunciar aos territorios ocupados por Rusia se o resto de Ucraína entra na OTAN

 O presidente de Ucraína segue a reclamar a colaboración dos Estados Unidos e da Unión Europea.





O presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, manifestou a súa disposición para chegar a un acordo con Rusia e renunciar aos territorios que controla Moscova a cambio de que o resto do país sexa admitido na OTAN e reciba garantías de seguridade.

O presidente ucraíno realizou estas declaracións nunha entrevista co estadounidense de orixe ucraína Lex Fridman na que este lle preguntou se a OTAN aceptaría a integración de Ucraína menos Lugansk, Donetsk, Zaporiyia, Jersón e Crimea.

"A invitación da OTAN sería para Ucraína [...], pero a OTAN pode operar na parte que está controlada por Ucraína. Podemos estar de acordo nisto? Estou seguro de que si. Si. Non é un grande éxito para nós, pero se hai unha vía diplomática para pór fin á guerra, iso é o primeiro", declarou.

Encontro con Trump

Zelenski matizou que esta opción só sería posíbel se hai un "paquete de armamento" previsto. "Non podo dicir publicamente con que, pero non é ningún secreto para o presidente Trump. Depende principalmente da vontade dos Estados Unidos. A UE daríanos unha parte e os Estados Unidos a outra. É necesario que haxa unidade para este paquete", indicou.

Ademais o presidente ucraíno defendeu a necesidade de impor novas sancións a Rusia cando Donald Trump chegue á Casa Branca [tomará posesión do seu cargo o 20 de xaneiro] para evitar que Rusia poida vender os seus hidrocarburos, algo que ademais beneficiaría a Washington.

En calquera caso, o mandatario ucraíno cre que o primeiro paso é reunirse con Trump. "Temos que pactar con el como parar a guerra e a [Vladimir] Putin. É moi importante para nós que Europa, da que formamos parte, tamén teña a súa voz", afirmou.

Ademais, o encontro con Trump sería para concretar as garantías de seguridade para Ucraína. "Non imos sentarnos directamente os tres" na mesa de negociación, argumentou.