Saltar ao contido principal

SOCIAL Máis de 62.000 persoas maniféstanse en Vigo en defensa da sanidade pública

 A situación do Hospital Álvaro Cunqueiro mandou sobre a mobilización desenvolvida esta quinta feira polas rúas de Vigo contra a política sanitaria da Xunta da Galiza. A marcha convocada por SOS Sanidade Publica superou as expectativas dos organizadores, xuntando segundo a organizacón máis de 62.000 persoas, 60.000 segundo a Policía Local.



Vigo acolleu esta quinta feira unha manifestación masiva contra a política sanitaria do Goberno galego. A marcha, convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública, congregou milleiros de persoas procedentes dos 27 de concellos da área sanitaria de Vigo, que desde antes das 19 horas enchían a praza dos Cabalos, presaxiando o éxito dunha mobilización que os promotores xa prevían nos últimos días dada a resposta social percibida nos diversos actos e encontros organizados.

A protesta contou cunha participación transversal. Persoas de diferentes idades, familias enteiras, integrantes dos colectivos en defensa da sanidade pública activos nas comarcas do Baixo Miño, O Condado, O Morrazo, A Paradanta ou Vigo, responsábeis institucionais e alcaldes dos concellos da área, representantes sindicais ou dirixentes políticos, como a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, ou o candidato á secretaría xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, acudiron esta quinta feira á chamada de SOS Sanidade na cidade olívica.

Ana Pontón reclamou “responsabilidades" ao Partido Popular polo "sobrecusto de 470 millóns de euros [segundo apunta un informe do Consello de Contas sobre o Álvaro Cunqueiro], pola construción dun hospital privatizado con menos superficie da prevista, con menos camas das previstas, con menos recursos sanitarios dos previstos, pero pagando máis”. Nesta orientación, cualificou a xestión do Goberno galego de “escándalo maiúsculo” e instou Rueda a “asumir responsabilidades por estes feitos e deixar de botar balóns fóra e de tentar enganar a cidadanía”.

"Os socialistas dicímoslle a Rueda que basta xa de recortes”, engadiu pola súa parte Besteiro. Neste sentido, asegurou que “Vigo tamén sofre as consecuencias do sobrecusto de 470 millóns de euros dun hospital que o PP fixo máis pequeno do previsto e entregou a unha sociedade voitre”.

O voceiro de SOS Sanidade Pública en Vigo, Manuel González Moreira, sinalou que “a manifestación de hoxe [por esta quinta feira] é unha mostra de como a sociedade galega sae á rúa a defender a sanidade pública e a denunciar a destrución da área sanitaria de Vigo polas políticas da Xunta da Galiza”. Nesta dirección, advertiu que o Hospital Álvaro Cunqueiro “ten un problema de falta de capacidade que hipoteca a resposta sanitaria e obriga unha parte da poboación a ter que acudir á sanidade privada”, ante o que reclamou “un cambio de rumbo”.

A marcha rematou no cruzamento da rúa Urzaiz con García Barbón e Colón coa lectura dun manifesto por parte de Areta BoladoNoelia Castro e Ailén Kendelman, integrantes do grupo de teatro A Panadaría, onde se recollían as demandas das organizacións convocantes da mobilización. O texto prestou especial atención á problemática do Cunqueiro, con "limitacións materiais e humanas" para dar respostas ás necesidade sanitarias da poboación da área de Vigo e no centro da atención pública, tras certificar no mes de xullo o Consello de Costas un "sobrecusto" na súa construción de máis de 470 millóns de euros.

"Responsabilidades"

“A convocatoria desta manifestación”, arrancou o manifesto, “co lema 'Reconstruír a área sanitaria de Vigo', ten como obxectivo reclamar as responsabilidades políticas polas condicións nas que se fixo a licitación e construción do Hospital Álvaro Cunqueiro, e defender as medidas necesarias para reconstruír a nosa área sanitaria, dotándoa dos recursos humanos e materiais necesarios para conseguir unha asistencia sanitaria 100% pública e de calidade”.

O documento, elaborado polos promotores da marcha, cuestionou “a legalidade de determinados aspectos da licitación” do Hospital Álvaro Cunqueiro, na liña da denuncia do Consello de Contas, e exixiu “responsabilidades políticas” por “facer que o conxunto da cidadanía pague 470.469.422 euros de máis á sociedade concesionaria”, por “facer un hospital máis pequeno, que non responde ás necesidades da nosa área sanitaria”, e por “manter, e mesmo aumentar, o negocio da sanidade privada na nosa área sanitaria”. Os organizadores da mobilización criticaron as "consecuencias dos recortes" no proxecto inicial do hospital para a calidade asistencial na área de Vigo. A este respecto, denunciaron que “non se construíron as estruturas necesarias de atención hospitalaria, para poder atender con calidade o 100% da cidadanía". "De 2.000 camas hospitalarias previstas no conxunto da área pasamos a un máximo de 1.366”, reprocharon. Onúmero de camas hospitalarias na área de Vigo reduciuse en 5,9% nos últimos 15 anos.

Críticas de Rueda

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, cargou contra a manifestación polo seu “carácter político”. Neste sentido, criticou “aqueles, os de sempre, que sempre fan este tipo de reclamacións, cunha intencionalidade política e máis nada que política", dixo, en alusión aos milleiros de persoas que encheron esta quinta feira Vigo. "Teño que dicirlles que van por un lado diferente ao que sente a maioría da poboación", asegurou.

As derivadas políticas: O Partido Popular perde o pulso da rúa na área de Vigo

A mobilización desenvolvida esta quinta feira en Vigo asumiu a totalidade das reivindicacións que os colectivos en defensa da sanidade pública defenderon nos últimos tempos, mais estivo marcada de forma especial polo acontecido co Hospital Álvaro Cunqueiro. Neste sentido, nos días previos foi formulada polas forzas de oposición, e tamén por unha parte do Partido Popular, como unha sorte de referendo sobre a xestión do Goberno galego en relación co hospital de referencia da área sanitaria de Vigo.

SOS Sanidade Pública referiuse no seu manifesto aos "problemas creados na calidade asistencial" polas mudanzas no proxecto do centro. Neste punto, insistiu na súa contribución a “unhas intolerábeis listas de agarda para consultas, probas complementarias, exploracións e intervencións cirúrxicas”, e denunciou “uns servizos hospitalarios sen o cadro de persoal e osespazos suficientes para dar resposta ás necesidades da cidadanía”.

A manifestación de Vigo, como a desenvolvida contra a celulosa de Altri en decembro pasado, volveu coller o PP co pé cambiado. Os milleiros de persoas na rúa lembraron aos populares que "os sobrecustos na construción no Hospital Álvaro Cunqueiro non se fechan cunha comisión parlamentaria".