Unha ateigada praza deu a benvida a 2025 após vivir as badaladas con Xosé Ramón Gayoso, Rocío Durán e Rocío Delgado.
Se ben as badaladas da Noitevella adoitan ser unha celebración para seguir desde a casa pola televisión, este ano centos de persoas volveron congregarse na noite deste 31 de xaneiro na praza do Obradoiro de Compostela para despedir 2024 e dar a benvida ao novo ano.
A TVG retransmitiu ao vivo tanto as badaladas como os derradeiros minutos do ano que xa rematou e os primeiros do presente. O incombustíbel Xosé Ramón Gayoso, canda as xornalistas Rocío Durán —condutora de Hora Galega— e Rocío Delgado —presentadora e codirectora do matinal O Termómetro, cuxa "externalización" provocou múltiples protestas de persoal da CRTVG nos últimos meses—, fixeron de mestre e mestras de cerimonia.
E unha vez concluídas as badaladas e celebrado o inicio de 2025, comezou a espallarse pola ateigada praza compostelá un forte berro que as cámaras da televisión pública da Galiza captaron: "Altri non".
Sucedeu no treito final da conexión de Gayoso, Durán e Delgado, que, ao pouco de empezar a sentir os berros contra a celulosa que a multinacional Altri proxecta na comarca da Ulloa, acordaron despedir a retransmisión.