"Non defendemos nada que sexa imposíbel": SOS Sanidade Pública manifestarase en Vigo para "reconstruír" a área sanitaria
A mobilización terá lugar esta quinta feira, 16 de xaneiro.
O portavoz da plataforma, Manuel González Moreira, explicou na presentación da mobilización, esta segunda feira en Vigo, que a protesta ten como obxectivo reclamar as responsabilidades políticas polas condicións de licitación e construción do Hospital Álvaro Cunqueiro e defender as medidas necesarias para "reconstruír" a área Sanitaria e dotala dos recursos necesarios para conseguir unha asistencia 100% pública e de calidade.
Segundo subliñou, é necesario que a cidadanía exprese o seu "descontento" ante a situación actual, con "estruturas que non se construíron" a pesar de que si estaban previstas.
Máis servizos e menos esperas
"Non defendemos nada que sexa imposíbel. Son cousas que estaban previstas facer e que, por decisión política, non se fixeron", reivindicou González Moreira, referíndose, por exemplo, a dotacións do Cunqueiro que non se construíron ou ao centro de saúde de Aldán, en Moaña (O Morrazo), entre outras.
"Queremos recuperar o control público do Cunqueiro. É moi importante recuperar a xestión pública do hospital e ampliar as súas estruturas, que non se construíron. No momento da licitación, o proxecto construtivo inicial era un e o que se construíu, outro", criticou.
González Moreira insistiu no sobrecusto de máis de 470 millóns do hospital e no aumento "do negocio da sanidade privada". Así, tamén pediu ampliar os servizos que ofrece a sanidade pública en Vigo, como dotala dunha unidade de queimados, que na actualidade está en Povisa, e criticou a situación na que se atopan a Atención Primaria ademais das consultas de pediatría e as listas de espera para determinados tratamentos e operacións.
Malia recoñecer que hai certos aspectos do sistema sanitario que funcionan "moi ben", como a resolución de problemas graves e oncolóxicos, lamentou que outros, como unha operación de cadeira, poden tardar até tres anos, "condicionando a calidade de vida" da poboación nos seus últimos anos.
Por todo iso, animou a toda a cidadanía a participar na manifestación deste 16 de xaneiro en Vigo, para solicitar cambios na sanidade pública e mellorar a situación actual, dixo.