Manuel G. Moreira
[: Manifiesto SOS SANIDADE PÚBLICA - 16 de Xaneiro
: PLATAFORMA SOS SANIDADE PÚBLICA da ÁREA SANITARIA DE VIGO
Boas noites a todas e todos. Grazas por estar aquí hoxe, formando parte da
RECONSTRUCIÓN da Área Sanitaria de Vigo.
A convocatoria desta Manifestación, co lema “RECONSTRUÍR A ÁREA
SANITARIA DE VIGO”, ten como obxectivo reclamar as responsabilidades
políticas polas condicións nas que se fixo a licitación e construción do Hospital
Álvaro Cunqueiro, e defender as medidas necesarias para reconstruír a nosa
área sanitaria, dotándoa dos recursos humanos e materiais necesarios para
conseguir unha asistencia sanitaria 100% pública e de calidade.
É necesario destacar o importante papel da cidadanía da nosa área sanitaria na
contestación ao cambio de proxecto do Novo Hospital de Vigo.
Tamén queremos destacar o papel da Plataforma SOS Sanidade Pública,
organizando manifestacións multitudinarias en Vigo e noutros concellos da
área, charlas e coloquios en asociacións veciñais, roldas de prensa ou
concentracións.
Máis tamén presentando demandas xurídicas diante o Tribunal Superior de
Xustiza de Galicia, ou na Comisión Europea, Defensor do Pobo europeo e
comparecendo no Parlamento europeo, denunciando a vulneración da
legalidade española e comunitaria na licitación do hospital.
O informe do Consello de Contas reafirma as denuncias que a Plataforma leva
facendo desde que se confirmou este cambio de modelo de hospital e cuestiona
a legalidade de determinados aspectos da licitación, polo que exiximos
responsabilidades políticas:
* Facer que o conxunto da cidadanía pague 470.469.422 euros de máis á
sociedade concesionaria non pode quedar impune.
* Facer un hospital máis pequeno, que non responde ás necesidades da
nosa Área Sanitaria, non pode quedar impune.
* Manter, e incluso aumentar, o negocio da sanidade privada na nosa Área
sanitaria non pode quedar impune.
2
Coa construción do Hospital Álvaro Cunqueiro non se lograron acadar
completamente os obxectivos fixados polo Plan funcional inicial:
* Nin se construíron as estruturas necesarias de Atención Hospitalaria, para
poder atender con calidade ao 100% da cidadanía, de 2.000 camas
hospitalarias previstas no conxunto da área sanitaria pasamos a un
máximo de 1.366.
* Nin se reforzou a Atención Primaria coa creación de novos centros de
saúde e ampliación de outros, e as consecuencias disto sufrímolas todos
os días.
* Nin se conseguiu a diminución do peso da sanidade privada na nosa área,
incrementándose o seu negocio.
A cidadanía e as traballadoras e traballadores da sanidade pública sabemos
moi ben cales son as consecuencias de todos estes incumprimentos:
* Unhas intolerables listas de agarda para consultas, probas
complementarias, exploracións e intervencións cirúrxicas.
* Uns servizos Hospitalarios sen o cadro de persoal e espazos suficientes
para dar resposta ás necesidades da cidadanía.
* Unha carteira de servizos incompleta para manter o negocio da sanidade
privada.
* A saturación no servizo de urxencias do hospital por un deseño
insuficiente, con ademais unha Atención Primaria debilitada.
* Unhas listas de agarda en Atención Primaria que superan en moitos casos
os 10 ou 15 días, e moitas persoas sen profesional da medicina de familia
ou da pediatría que poida atendelos.
* A sobrecarga de profesionais de enfermería, insuficientes para dar
resposta á cronicidade e á dependencia, con retraso no seguimento de
patoloxías crónicas e dificultade para garantir unha atención de calidade
a persoas dependentes.
* As dificultade para acceder aos centros de saúde e ás consultas de
Atención Primaria por non ter persoal suficiente nas áreas
administrativas.
* Cunha parte da poboación da nosa Área Sanitaria sendo atendida en
POVISA, cun concerto económico sen transparencia, e sen alternativa
pública neste momento, para poder reverter esta situación.
3
E mentres todo isto pasa, os cartos públicos seguen a encher as carteiras dos
accionistas dos fondos de investimento estranxeiros que son propietarios do
Hospital Álvaro Cunqueiro e do hospital Ribera-POVISA.
As persoas que estamos aquí hoxe non defendemos nada que sexa imposíbel.
Defendemos RECONSTRUÍR as cousas que estaba previsto facer e que, por
decisión política, non se fixeron.
A primeira medida que exiximos é que se tome a decisión política de reverter a
concesión do Hospital,rescatando o Álvaro Cunqueiro para o ámbito do Público.
As seguintes medidas intentan reconstruír o que o propio Consello de Contas
constata que non se fixo, e que é a causa principal das consecuencias para a
cidadanía recollidas no punto anterior:
* A ampliación do Hospital Álvaro Cunqueiro co que non se construíu e que
figuraba no proxecto funcional inicial, co obxectivo de garantir 1.265
camas, para dar cabida a poboación de referencia de POVISA, coa
construción dun edificio anexo ás velas actuais, no que se restitúa o que
se suprimiu:
- unha unidade de Coidados Mínimos con 148 Camas,
- a Unidade de Docencia e Investigación con 4.744m2,
- unha unidade de Rehabilitación con 2.456 m2.
* Poñer a pleno rendemento as 422 camas do Hospital do Meixoeiro e as
117 do Hospital Nicolas Peña.
* A recuperación da Atención Primaria, con aumento da inversión,
analizando as necesidades de recursos, tanto humanos como estruturais,
dos centros de saúde e dos Puntos de Atención Continuada (PACs) da
nosa área sanitaria.
* A Reordenación asistencial da área de Vigo, reivindicando a construción
dun Centro de Alta Resolución (CAR) coas especialidades más
demandadas pola poboación, no centro de Vigo, dado que a implantación
do Álvaro Cunqueiro no extra radio da cidade, provocou un
distanciamento dos recursos hospitalarios. Este Centro de Alta
Resolución podería estar situado no antigo Centro de Especialidades da
Dobrada, recuperando o seu uso asistencial.
4
* A creación dun Servizo de cirurxía Máxilo-Facial completo e funcional e
dunha Unidade de Queimados no ámbito público para garantir que a
sanidade pública poida dar este servizo na nosa área sanitaria.
* A recuperar a poboación, de 300.000 usuarios de Pontevedra que, antes
da apertura do novo hospital, tiñan a súa referencia para Cirurxía
Torácica, Cirurxía Pediátrica, Hemodinámica, Cirurxía Cardíaca e
Fecundación in Vitro, na Área Sanitaria de Vigo e que foi trasladada para
a Área sanitaria de Santiago.
* A integración de toda a actividade asistencial de Galária no Sergas, que
xa estaba prevista no ano 2009, e que o Partido Popular decidiu manter
en Galaria.
* A respecto do Morrazo, é preciso construír o novo Centro de Alta
Resolución na “Rúa”, para a comarca do Morrazo, coas especialidades
mais demandadas e tamén o PAC de Atención Primaria. Xa existía un
informe favorable do Sergas para esa localización.
* Ampliar o Centro de Saúde de Cangas, para elo é preciso retirar o PAC e
instalalo no novo Centro de Alta Resolución.
* Construír un novo Centro de Saúde en O Hío que dea cobertura a O Hío e
Aldán, tal como estaba previsto no ano 2008.
Para que todo isto sexa posible é necesario garantir o incremento da
inversión en sanidade pública na Área Sanitaria de Vigo, e que os cartos de
todas e todos se utilicen para reforzar a Atención Hospitalaria e para
recuperar a Atención Primaria, e non para incrementar o negocio da
sanidade privada.
RECONSTRUÍR a Área Sanitaria de Vigo é necesario para garantir o futuro
da nosa Sanidade Pública.
RECONSTRUÍR a Área Sanitaria de Vigo é posible contando con todas, todos
e todes vos para demostrar, unha vez máis, como a sociedade galega
defende a súa Sanidade Pública.
GRAZAS POR ESTAR AQUÍ, SEGUIREMOS DEFENDENDO A SANIDADE
PÚBLICA!
Vigo, 16 de xaneiro de 2025
Plataforma SOS Sanidade Pública da Área Sanitaria de Vigo