Este 22 de xaneiro: último día para adquirir o bono de transporte gratuíto de Renfe ao tombalo o PP no Congreso
Os descontos ao transporte deixaranse de aplicar mañá tras decaer o decreto ómnibus.
Todos os descontos do transporte público, que foron inicialmente prorrogados para o primeiros seis meses do ano, deixarán de aplicarse esta quinta feira, 23 de xaneiro, despois de que o decreto ómnibus no que estaban incluídos fose rexeitado esta cuarta feira cos votos en contra de PP, Vox e Junts e a abstención de UPN.
Con esa votación, 177 en contra por 171 a favor, o decreto lei que aprobou en decembro o Goberno español e que xa estaba en vigor quedou derrogado, e con el todas as súas medidas, incluídas a revalorización das pensións ou a prohibición do corte de subministracións básicas a persoas vulnerábeis.
Fontes do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostíbel confirman que a venda dos títulos gratuítos de Renfe e de autobuses estatais queda desta forma conxelada, ao non recibir a medida a validación dunha maioría do Congreso dos Deputados.
Porén, as viaxeiras que adquiriran o seu abono de transporte nos últimos días, cunha bonificación de até o 100% no prezo e validez para o actual cuatrimestre, contan cun dereito adquirido e poderán seguir utilizando os servizos de tren e autobús sen realizar pago adicional algún, tamén segundo fontes do Ministerio de Transportes.
Coa aprobación do decreto por parte do Goberno español, as medidas entran automaticamente en vigor coa súa publicación no Boletín Oficial do Estado (BOE) pero nun prazo dun mes teñen que ser validadas no Congreso, algo que non ocorreu.
En canto aos descontos ao transporte xestionado polas comunidades autónomas ou concellos, como autobuses urbanos e interurbanos, metros ou tranvías, tamén decaen ao formar parte da mesma medida, que implicaba un financiamento do Estado español do 30% do total, quedando outro 20% ou 30% a cargo das comunidades ou concellos.
As entidades que xestionan o transporte en cada rexión terán agora que dar máis detalles sobre o uso que se lle poderá dar aos abonos xa comprados con desconto ou se seguirán financiando os descontos ou parte deles pola súa conta.