Achegamos a nota de prensa que hoxe foi remitida aos medios coa convocatoria da mobilización de Eólica Así Non do vindeiro 26 de xaneiro, con motivo do Día Internacional da Enerxía Limpa.
Podedes descarga o cartaz xeral e os cartaces por localidade na seguinte ligazón: https://drive.google.com/drive/folders/1cN_waueP8HbOw5O85dGPsubPrMWZvAdE?usp=sharing
No enlace atoparedes tamén o modelo de cartaz co espazo da convocatoria en branco, para que poidades editar aquelas plataformas que non solicitástedes o cartaz específico.
Eólica Así Non! convoca unha mobilización descentralizada contra a invasión eólica promovida pola Xunta de Galiza |
| | - A Coordinadora demanda unha nova planificación, con obxectivos sociais e ambientais e non en función dos intereses das enerxéticas, coincidindo co Día Mundial da Enerxía Limpa
Galiza, xoves 16 de xaneiro de 2025.- A Coordinadora Eólica Así Non! anuncia a convocatoria dunha mobilización descentralizada o domingo, día 26 de xaneiro, coincidindo co Día Mundial da Enerxía Limpa, para denunciar o modelo de espolio enerxético que promove a Xunta de Galiza.
Un modelo que Eólica Así Non! afirma que non ten en conta os intereses da poboación, que ten como principal obxectivo beneficiar o capital e que tampouco ofrece garantías de preservación medioambiental, tal e como están a demostrar todas as paralizacións cautelares que resolve o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza.
A Coordinadora denuncia, ademais, as últimas reformas legais da Xunta de Galiza, que teñen como obxectivo dificultar que a poboación se poida defender diante destes proxectos agresivos e depredadores do territorio, destinando recursos públicos para exercer "violencia institucional" contra as comunidades veciñais afectadas. Comunidades que sofren un continuo acoso administrativo a través da sobresaturación de proxectos, da desregulamentación e da xeración de inseguridade xurídica, difamando e criminalizando a protesta social.
Eólica Así Non! aposta por unha nova planificación eólica real, que ordene a explotación desta enerxía no territorio, con obxectivos sociais e ambientais, que faga partícipe ao pobo galego e non se desenvolva en función dos intereses das grandes multinacionais enerxéticas. MOBILIZACIÓNS - Cartelle. Concentración na Alameda, ás 12h
- Val do Dubra. Concentración diante do Concello de Bembibre, ás 12h
- Mazaricos. Andaina ata o Castelo de Bradufe. Saída do Alto da Ruña ás 12h
- Ortigueira. Andaina a Pena Ouseira. Saída no Bar A Rodela, ás 11h
- Morrazo. Concentración diante do Concello de Marín, ás 12h
- Pontevedra. Concentración na Praza da Peregrina, ás 13h
- Campo Lameiro. Andaina. Saída na Escola de Couso, ás 16h
- Sarria. Concentración no Cruce de Catro Camiños coa R/ da Liberdade, ás 12h
- Lugo. Concentración diante do concello de Lugo ás 12h. Saída en manifestación ata o Multiusos da Xunta.
|
|
|
|
---|
|