Saltar ao contido principal

Centos de milleiros de palestinos regresan ao norte de Gaza após acordarse un intercambio adicional na tregua

 A Unión Europea suspende sancións a Siria tras tomar o poder os xihadistas.


“É como se volvese nacer de novo e volvéramos vitoriosos”,  sostivo a segunda feira Umm Mohammed Ali, unha palestina que, xunta centos de milleiros de gazatís, se dirixía ao norte da Faixa logo de que Israel deixara de impedir o paso polo corredor de Netzarim, que construíu para dividir Gaza, un dos puntos incluídos no alto o fogo entre Hamás, que goberna o enclave, e o Executivo de ultradereita sionista.

Malia que os israelís debían abrir o paso o domingo, non o fixeron alegando que o grupo palestino tiña que ter liberado Arbel Yehud, unha das israelís detidas en Gaza desde a operación da resistencia palestina do 7 de outubro de 2023, no intercambio de persoas presas da fin de semana.

A situación desbloqueouse ao ofrecer Hamás a súa liberación, canda dúas persoas máis, nun intercambio esta quinta feira que non estaba previsto nun inicio.

Ademais, tanto Exipto como Xordania rexeitaron a iniciativa do presidente estadounidense Donald Trump para “simplemente limpar” Gaza e expulsar un millón e medio de palestinas e palestinos a estes países, na liña da limpeza étnica que Israel tratou de implementar sen éxito durante o xenocidio.

Á vez, no Líbano, o Goberno cedeu ás presións de Washington e aceptou prolongar o alto o fogo até o 18 de febreiro, despois de que Israel se negara a abandonar as poucas áreas que foi quen de conquistar no país, o que tiña que facer como moi tarde o pasado domingo.

A UE suspende sancións a Siria

Asemade, Francia anunciou que a Unión Europea suspendería algunhas das sancións contra Siria despois de que os xihadistas se fixeran co control de boa parte do país, e a pesar da represión das protestas ou dos masacres étnicos.