Ana Miranda fai un chamamento na Eurocámara a colaborar coa Unwra para garantir a axuda humanitaria en Gaza
A eurodeputada do BNG subliña que o alto ao fogo en Gaza “chega tarde” e demanda o fin da ocupación israelí.
Segundo sinalou, “Gaza é hoxe o espello do mundo insolidario no que vivimos e no que os gobernantes calaron, tamén a Unión Europea, mentres os Pobos clamaban nas rúas contra o xenocidio de Israel”. Neste sentido, a eurodeputada galega fixo un chamamento a non esquecer a fotografía dos barrios de Gaza destruídos e outras “de palestinos que se xogaron a vida por salvar a outros mentres os gobernos seguían exportando armas a Israel e prolongando o xenocidio”.
“Toda a nosa solidariedade co pobo de Gaza, todo o apoio á urxente reconstrución. Todo o apoio á axencia da ONU para as refuxiadas palestinas [Unwra]”, manifestou Ana Miranda, ao tempo que remitiu unha carta a todos os eurodeputados e eurodeputadas solicitándolles a súa colaboración directa coa Unwra para garantir un acceso seguro e sen obstáculos da axuda humanitaria en Gaza.
Servizos básicos
Na súa misiva, a eurodeputada do BNG salienta que milleiros de gazatís teñen recibido apoio vital grazas aos incansábeis esforzos do persoal da Unwra. Así, explica que a axencia proporcionou un apoio continuo e vital a case 2 millóns de palestinos aos que achegaron servizos básicos, xa que precisan auga potábel, alimentos, refuxio, atención sanitaria primaria e apoio á saúde mental e psicosocial.
Lembra ademais que a Asemblea Xeral das Nacións Unidas creou a Unwra en 1949 para proporcionar asistencia humanitaria e protección aos refuxiados palestinos rexistrados na área de operacións da axencia, á espera dunha solución xusta e duradeira á súa situación. A Unwra axuda os refuxiados palestinos a acadar o seu pleno potencial de desenvolvemento humano mediante os servizos de calidade que proporciona en educación, asistencia sanitaria, axuda e servizos sociais, protección, infraestruturas e mellora dos campamentos, microfinanzas e asistencia de emerxencia.