A fita está dirixida por Farah Nabulsi, nomeada aos Óscar e gañadora dun Premio BAFT.
A Fundación Araguaney-Puente de Culturas e o Concello de Carballo inaugurarán hoxe a mostra AMAL en Ruta Carballo 2025, acto que contará coa intervención do director da Fundación, David Rodríguez, e a dun representante do Concello. O ciclo arrincará hoxe mesmo coa proxección da película The Teacher, ás 20 horas no Pazo da Cultura de Carballlo, un drama humano que se desenvolve na paisaxe política e no conflito en Palestina. O ciclo cinematográfico, no que se proxectan cintas en versión orixinal con subtítulos, continuará o sábado, 1 de febreiro, coa ficción Inshallah Walad, do director xordano Amjad Al Rasheed; o día 6 de febreiro será a quenda para a película The Old Oak, de Ken Loach; o día 13 de febreiro, poderase ver a longametraxe To a Land Unknown, de Mahdi Fleifel; e a última sesión será o día 20 de febreiro, co documental Bye Bye Tiberias, de Lina Soualem; todas elas producións de gran recoñecemento en festivais cinematográficos internacionais.Un mestre de escola palestino, Basem, loita por conciliar o seu arriscado compromiso coa resistencia política coa posibilidade dunha nova relación coa traballadora voluntaria Lisa e o seu apoio emocional a un dos seus alumnos, Adam. A fita de Amjad Al Rasheed recibiu numerosos premios internacionais.
Farah Nabulsi é unha directora palestino-británica e unha defensora dos dereitos humanos. Foi nomeada aos Óscar e gañou un premio BAFTA pola súa curtametraxe The present no ano 2021. Fundou unha produtora a través da cal escribe, produce e dirixe os seus filmes de ficción, explorando temas que lle importan.