A Plataforma Mina de Touro-Pino Non reclamou esta terza feira amparo diante da Valedora do Pobo. O colectivo alerta dos impactos do proxecto na calidade de vida da veciñanza deses concellos e na súa economía. A proposta de Cobre San Rafael deixaría sen auga a máis do 10% da poboación de Touro e do Pino.
A integrante do colectivo, Obdulia Lareo, sinala Nós Diario que “o proxecto exposto ten documentos en branco, concretamente aquelas que fan referencia a solvencia técnica e financeira da empresa que quere abrir a mina”. Neste punto, insta á Consellaría de Economía e Industria a que esa documentación “sexa sometida a información pública, por tratarse dunha información importante para o exercicio dos nosos dereitos de participación e para o noso coñecemento sobre as garantías técnicas e financeiras dunha empresa”
“A solvencia económica e financeira non afecta unicamente á capacidade para desenvolver o proxecto de explotación”, apunta Obdulia Lareo “senón tamén ao proxecto de recuperación e restauración do entorno e mais aló para garantir a adecuada asunción de responsabilidades no caso de prexuízos para o medio ambiente como consecuencia ou non de accidentes”. Nesta dirección, desvela que, “o proxecto de mina de cobre a ceo aberto para Touro-O Pino, prevé a creación de depósitos de residuos con categoría A, a máis alta valoración do risco no caso de rotura da presa”.
A falta de transparencia societaria da empresa promotora da mina é motivo de preocupación para a Plataforma Mina de Touro-Pino Non. A compañía impulsora da explotación mineira nos concellos de Touro e O Pino, Cobre San Rafael, ten como accionistas a Explotaciones Gallegas, propiedade do grupo do construtor Francisco Gómez, e a Atalaya Mining, un sociedade radicada en Sevilla, onde a maior porcentaxe de capital corresponde ao xigante multinacional da minaría con sede en Singapur Trafigura, ao fondo Cobas de Francisco García Paramés e ao fondo Muza da familia Urquijo.
Obdulia Lareo advirte que o proxecto mineiro actualmente en fase de exposición pública “é o mesmo que denegou a Xunta da Galiza en 2020. Ten a mesma extensión que o anterior, o mesmo emprazamento, a mesma proximidade ás casas. En definitiva, isto é un fraude, un proxecto presentando con Declaración de Impacto Ambiental (DIA) negativa que agora din que está mellorado”. Asemade, denuncia que a “actividade prexudicará a calidade de vida da poboación de Touro e o Pino e terá graves impactos negativos nas actividades económicas básicas deste concellos como son a gandaría e o turismo ligado ao Camiño de Compostela”.
O proxecto presentado por Cobre San Rafael sinala que as necesidades de auga da mina serían no peor escenario de 6.430.000 de litros ao día e 2.346.000.000 de litros ao ano. As cifras fornecidas pola promotora confirman que os consumos de auga da explotación equivalerían a de 45.463 persoas ao día e superarían en máis de 570% o do conxunto da veciñanza de Touro e O Pino. Ao tempo, a cantidade de auga consumida sería maior en 290% a de toda a poboación dos cinco concellos da comarca da Arzúa, da que fan parte Touro e O Pino.
A Plataforma Mina de Touro-Pino Non apunta que “estas cantidades aumentarían aínda máis se traballase coa hipótese de períodos de seca que faría aumentar o consumo de auga para rega, necesaria para manter baixo control o po en suspensión”. Na mesma liña, destaca que “o consumo previsto de 74 litros por segundo e día superaría ao caudal do río Lañas, que fornece de auga a Touro, nas épocas de estío calculado, que segundo Augas da Galiza ten un mínimo, excluído o caudal ecolóxico mínimo, de 37 litros por segundo e día”.
Verteduras
O impacto ambiental da mina de cobre sería moi importante en toda a conca do río Ulla, do que é afluente o río Lañas. A este respecto, o proxecto presentado recoñece que as verteduras de augas residuais da explotación mineira ao dominio público hidráulico achegaríase 1.440.000.000 litros ao ano e 535.000 litros de augas fecais por ano.
A mina deixaría sen auga varias granxas que suman 500 cabezas de gando
Os elevados consumos de auga requiridos pola explotación mineira de Cobre de San Rafael terían uns graves impactos no complexo agrario dos concellos de Touro e O Pino, que representa o 28% o produto interior bruto (PIB) destes dous municipios.
Os datos achegados polo Instituto Galego de Estatística (IGE) para novembro de 2024 sinalan que o 15,1% da poboación activa de Touro ocúpase na agricultura. Na mesma dirección, indica que o municipio conta con 159 explotacións de gando bovino, que suman unha cabana de 7.728 cabezas. Ao tempo, o 12,1% das persoas ocupadas no Pino dedícanse a agricultura, destacando a actividade gandeira con 195 explotacións de bovino que reúnen 5.344 reses.
A integrante da Plataforma Mina de Touro-Pino, Obdulia Lareo explica a Nós Diario que “a mina afecta moi particularmente a parroquias como Loxo ou Bama en Touro cunha grande actividade gandeira e ademais onde existe relevo nas explotacións con persoas mozas á fronte dela”. Na mesma orientación, a empresa promotora do proxecto recoñece que a mina deixaría sen abastecemento de auga a varias explotacións que suman 500 reses de vacún e sen base territorial as granxas de Arinteiro en Loxo.