A Xunta saca a información pública o proxecto para a reapertura da mina de Touro, declarado "estratéxico" polo Goberno galego
A iniciativa provomida por Cobre San Rafael atinxe os concellos de Touro, O Pino e Arzúa (comarca de Arzúa) e Vila de Cruces (Deza).
O proxecto mineiro busca reabrir a antiga mina de Touro, cuxa explotación afectaría os termos municipais de Touro, O Pino, Arzúa (comarca de Arzúa) e Vila de Cruces (Deza), está a ser desenvolvido pola sociedade Cobre San Rafael, S.L.
"Concretamente, sométese a información pública a actualización do proxecto de explotación e o plan de restauración da concesión de explotación San Rafael, núm. 2946 para o aproveitamento de mineral de cobre, o proxecto da liña de alta tensión aerosubterránea 66 kilovoltios (kV) da subestación Portodemouros á subestación Touro, o proxecto da liña de alta tensión aerosubterránea 66 kV da subestación Touro á subestación Mina San Rafael, o proxecto da liña de media tensión 20 kV SC subministración provisional para obras Mina de Touro, e o estudo ambiental do proxecto Cobre San Rafael, así como un resumo non técnico", recolle o DOG.
O Goberno galego acordou o pasado 24 de xuño a declaración do proxecto presentado por Cobre San Rafael como "proxecto industrial estratéxico", nun intento por axilizar o proxecto de reapertura da mina de Touro malia ser rexeitado inicialmente pola propia Xunta en xaneiro de 2020 porque non se garantía a "sustentabilidade ambiental".
Un proxecto "oculto"
Desta forma a Xunta atendeu a solicitude da empresa, que a principios pediu que fose tramitado como proxecto industrial estratéxico, segundo recoñeceu a mesma conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lourenzá, un día antes do acordo do Consello da Xunta. "Estoume anticipando; por suposto, teremos que deliberalo, pero é moi probábel que comecemos xa a tramitación", declarou entón.
A consideración de proxecto industrial estratéxico veu precedida da denuncia pública dun cento de colectivos veciñais, ecoloxistas, do mar e sindicais. Opóñense a un proxecto que volve pór riba da mesa unha enorme balsa de 23 millóns de metros cúbicos de residuos tóxicos con 1,6 km de lonxitude e unha altura similar á da Catedral de Santiago.
Poucos días antes de se confirmar por parte do Executivo galego a declaración de PIE, que favorece a tramitación exprés e obstaculiza a participación pública, acusaron Atalaia Mining e a súa filial Cobre San Rafael de "forzar a aprobación da apertura" da mina de Touro malia os seus "impactos ambientais inasumíbeis", ademais de censurar que a Xunta da Galiza "ocultara" durante varios meses a solicitude de reapertura por "fins electorais".
Alegacións
Segundo sinala o DOG deste 22 de novemebro, "a aprobación do PIE implicará a declaración de utilidade pública e do interese social, en concreto, do proxecto e das súas infraestruturas asociadas, para os efectos expropiatorios, e a prevalencia sobre outras utilidades públicas, así como a necesidade e a urxencia da ocupación dos bens e dereitos afectados e o recoñecemento ao promotor do proxecto da condición de beneficiario da expropiación".
As persoas propietarias dos predios que figuran nunha relación anexa ao acordo que a Xunta dá a coñecer, así como as persoas titulares de dereitos reais ou intereses económicos "sobre os bens afectados que fosen omitidos", poderán presentar alegacións durante o prazo de 30 días hábiles.