Saltar ao contido principal

60 entidades sociais, políticas e culturais apoian a V Marcha pola recuperación da Casa Cornide

 Terá lugar o sábado, 14 de decembro, e decorrerá desde a praza de María Pita da Coruña até a Casa Cornide, aínda en poder da familia do ditador Franco.


"A Casa Cornide segue fechada a visitas públicas, infrinxindo a Lei de Patrimonio Cultural da Galiza que obriga aos propietarios á apertura de catro días ao mes e un mínimo de catro horas cada día cando hai unha declaración de Ben de Interese Cultural (BIC), como é o caso". Con estas palabras o colectivo Defensa do Común denunica que a recuperación do inmóbel aínda é unha débeda pendente, polo que convoca unha nova marcha para reivindicar a restitución da Casa Cornide ao patrimoniopúblico, tal e como se aprobou hai case dous anos.

O 12 de setembro de 2019 aprobouse por unanimidade unha moción pola devolución da Casa Cornide no Pleno do Concello da Coruña, que instaba tamén ao Goberno local a presentar unha demanda no xulgado para recuperar a propiedade, pendente aínda de resolución.

Permisividade da Xunta

Desde entón a Xunta da Galiza iniciou o expediente para declarar Ben de Interese Cultural (BIC) a Casa Cornide (2021), aprobado o 27 de abril de 2023. Mais nada cambiou arredor  dun inmóbel que segue en mans dos Franco, declarados "persoas non gratas" nun Pleno do Concello da Coruña en 2017

"Isto é posíbel pola permisividade da Xunta coa familia Franco, que alega agora que é unha vivenda particular e que alí vive xente, cousa totalmente falsa e posíbel de comprobar cunha inspección", sinalan desde Defensa do Común, que censura a posición do Goberno galego a respecto dos incumprimentos reiterados dos donos da Casa Cornide.

"A Xunta considera que esta continuada infracción da lei é leve e anuncia unha proposta de sanción ridícula de 3.000 euros. A Xunta da Galiza non aplica unha sanción exemplar aos Franco por negarse reiteradamente a cumprir a lei, e a familia do ditador propón a apertura da Casa Cornide se hai un convenio coa Xunta. Estamos ante unha chantaxe, absolutamente inaceptábel, que xa aceptou a Xunta de Feixoo no caso do pazo de Meirás, pagando aos Franco máis de 50.000 euros a través de varios convenios, que non se pode repetir", aseguran.

Desde o colectivo que reclama para o patrimonio público a Casa Cornide, lembran que os Franco, hoxe, "son multimillonarios grazas a todo o roubado polo ditador e deberían pagar integramente os gastos de apertura do inmóbel catro días ao mes". E apuntan que se a familia non está disposta a asumir eses gastos "debería devolver esa propiedade ao concello da Coruña".

Retirada dehonras e distincións

Defensa do Común tamén advirte da "continuidade ou persistencia na conduta infractora" por parte dos Franco, que poderían incorrer nunha infracción penal de seguir ignorando o que di a lei. E citan o artigo 289 do Código Penal: "O que por calquera medio destruíse, inutilizara ou danase unha cousa propia de utilidade social ou cultural, ou de calquera modo subtraésea ao cumprimento dos deberes legais impostos en interese da comunidade, será castigado coa pena de prisión de tres a cinco meses ou multa de seis a 10 meses".

O 14 de decembro entidades sociais, políticas, culturais, sindicais e veciñanza da comarca da Coruña reclamarán durante a V Marcha pola recuperación da Casa Cornide a devolución do inmóbel. E pedirán ao Goberno municipal que  traslade á Comisión de Honras e Distincións e ao Consello Municipal de Memoria Histórica, sen máis dilación, a proposta de retirada de rúas e distincións a Pedro Barrié de la Maza, Alfonso Molina Brandao e Sergio Peñamaría de Llano, "principais promotores do espolio do pazo de Meirás e Casa Cornide para beneficio do ditador Franco".

Solicitarán, ademais, que execute a proposta do Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses para a retirada de rúas e distincións a 14 persoas pola súa participación no Golpe de Estado de 1936, colaboradores ou cargos públicos na ditadura ou que participaron na represión, en cumprimento da Lei de Memoria Democrática, independentemente das futuras ampliacións do informe dese Instituto.

Relación provisional de apoios

Polo momento, máis de medio cento de colectivos de memoria, politicos, sociais, sindicais, ambientalistas e culturais apoian o manifesto da V Marcha pola recuperación da Casa Cornide:

Defensa do Común, CRMH, ARMH. Sumar, BNG, Marea Atlántica, Unión Republicana, PCG, Verdes-Equo, Sada Maioría, Alternativa dos Veciños, Corrente Vermella, Podemos. CIG, UGT, CCOO, CUT, CNT, CGT. Federación de Asociacións Veciñais da comarca da Coruña, Agra do Orzán, Monte Alto, Palavea, Eirís, Labañou, San Cristobal das Viñas-Birloque, Feans, Gaiteira-Os Castros, Castrillón-Urbanización Soto.

AC Alexandre Bóveda, O Facho, Gomes Gaioso, Irmáns Suárez Picallo de Sada, Eira Vella de Betanzos, Campo de Pena de Palavea, Vieiros das Mariñas, Roxín Roxal de Paderne. Manchea, Plataforma en Defensa da Ría de Sada-Betanzos, Acampa, Forum Propolis, Vangarda Obreira, Irmandade Moncho Valcarce, Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, Ergosfera, Ecoloxistas en Acción, Proxecto Cárcere, Hábitat Social, Galiza Nova, Xuventudes Socialistas, Xuventudes Comunistas de Galicia, Erguer, Sindicato de Estudantes, A Mesa pola Normalización Lingüística, Asociación Socio-Pedagóxica Galega, Asociación de Escritores en Lingua Galega, Amigos dos Museos de Galicia, Colectivo das Pedras Galladas de Culleredo, Cultura Aberta de Carral, Amnistía Internacional.