La feria de talento y empresas, que está organizada por el Campus Industrial, tendrá lugar en el pabellón de Esteiro
O Servizo Galego de Saúde publica no seu portal de alertas a contratación da obra para a creación dunha ampla área de atención á saúde mental Infanto-xuvenil que implica, entre outras cuestións, a activación dun novo Hospital de Día Infanto-Xuvenil. De xeito concreto, reformarase a ala 1 C, primeiro andar do Hospital Naval do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol.
Tal e como se recollen nos pregos desta contratación, esta obra acométese en dúas fases, e esta primeira fase correspóndese coa activación da Área de Saúde Mental Infanto-xuvenil e a xeración dun Hospital de Día para esta atención. Nunha segunda fase, irán as consultas. Parte desta atención, a correspondente á Unidade de Saúde Mental Infanto-xuvenil, xa a están a desenvolver os e as profesionais da Área actualmente no terceiro andar do Hospital Naval do Complexo.Poderanse presentar ofertas ata o 25 de outubro; e o prazo de execución será o que resulte da oferta presentada pola empresa adxudicataria. O presuposto base de licitación previsto ascende a preto do medio millón de euros, concretamente 459.998 euros, con Imposto do Valor Engadido incluído. Esta obra de reforma implicará que medre considerablemente a atención á saúde mental dos máis novos, destinando máis de 800 metros cadrados ó proxecto, 540 para esta primeira fase e 273 na segunda.
Esta novidade, a creación dun Hospital de Día, supón “a activación dun espazo seguro onde axudar os nenos e adolescentes cun elevado nivel de sufrimento afectivo e emocional, e que repercute de xeito grave no seu día a día”, explican dende o Servizo de Psiquiatría.
No Hospital de día Infanto Xuvenil, desenvolvido ó abeiro do Plan Estratéxico de Saúde Mental 2020-2024, prestarán servizo un psiquiatra, un psicólogo clínico, unha enfermeira especialista en saúde mental e unha traballadora social.
Atención multidisciplinar específica
Dicir que, en termos xerais, a Unidade de Saúde mental infanto-xuvenil creábase xa no ano 2008, no terceiro andar do Hospital Naval, e está formada actualmente por unha profesional de psiquiatría, unha psicóloga clínica, unha enfermeira especialista en saúde mental, unha auxiliar administrativa e unha traballadora social. Esta unidade potencia a atención á saúde mental dos máis novos nun dispositivo específico dirixido á atención ambulatoria de pacientes menores de 16 anos que presenten trastorno mental de índole diversa, especialmente aquelas patoloxías caracterizadas pola complexidade da sintomatoloxía.
En termos xerais, este grupo de especialistas ofrece unha atención ambulatoria e multidisciplinar en equipo ós pacientes que lle sexan remitidos fundamentalmente dende o nivel de Atención Primaria, moitas delas xa a través de teleconsulta, e, no seu caso, tamén dende outros niveis asistenciais. Atende, ademais, as consultas urxentes na Área ferrolá, e proporciona apoio e asesoramento ós servizos de atención primaria e a outros profesionais sanitarios. Realizáronse nesta Unidade un total de 4.572 consultas durante o pasado ano 2023.
O acceso a esta Unidade realízase principalmente dende os Servizos de Atención Primaria e consultas de Pediatría, aínda que tamén acceden pacientes tanto dende outros servizos especializados como, e de xeito protocolizado, dende outros dispositivos asistenciais alleos, como Aspaneps, que ofrece apoio rehabilitador e psicoterapéutico a problemas psiquiátricos e psicolóxicos, e a síntomas de malestar psíquico máis enmarcados no entorno sociodemográfico do paciente. O perfil de usuario desta Unidade é un menor con dificultades emocionais, ou de comportamento, con problemas, entre outros, de desenvolvemento, alimentación ou escolares, tanto de socialización como de aprendizaxe, explican.
Con este novo dispositivo que se licita increméntase aínda máis a atención e a coordinación funcional dos diversos eidos implicados: a Unidade de Saúde Mental Infanto-Xuvenil; a citada Aspaneps, o Servizo de Psiquiatría, ó que pertence; e a área de Atención Pediátrica Ambulatoria, que engloba a Área de Consultas Externas de Pediatría, e a Unidade de Atención Temperá, actualmente emprazada no Hospital Novoa Santos.
Precisan desde a Xerencia que a consecución desta obra permitirá un novo chanzo que é a creación do Hospital de Día, garantido así unha abordaxe multidisciplinar de cara á normalización dos problemas dos nenos.