As fortes chuvias non paran a solidariedade da Galiza con Palestina: unha gran multitude rexeita o masacre perpetrado por Israel
Unha gran multitude de persoas acudiu este domingo ao chamamento realizado por máis de 150 entidades e colectivos que apoiaron a mobilización en repulsa polas xa máis de 40.000 persoas asasinadas no marco do masacre de Israel contra a Faixa de Gaza.
As fortes chuvias non foron quen de parar a solidariedade da Galiza co pobo palestino. Así, unha gran multitude de persoas acudiu este domingo ao chamamento realizado por máis de 150 entidades e colectivos que apoiaron a mobilización en repulsa polas xa máis de 46.000 persoas asasinadas no marco do masacre de Israel contra a Faixa de Gaza, nunhas accións que se estenden agora tamén no Líbano, Cisxordania e Siria.
Desta maneira, segundo manifestaron as organización convocantes, miles de persoas saíron á rúa en Compostela para clamar, baixo a choiva, contra "o ano de masacres e destrución" israelí contra Palestina e exixir a "ruptura de relacións" con Israel.
A borrasca que durante esta fin de semana azouta Galiza non parou aos e ás manifestantes que, sobre as 12.15 horas deste domingo, saíron da Alameda compostelá, percorrendo as rúas da capital galega, até chegar á praza da Quintana.
A comitiva, encabezada por unha pancarta baixo o título 'Galiza con Palestina', proclamou cánticos como 'Palestina vencerá', 'Netanyahu asasino' e 'Desde o río até o mar, Palestina vencerá'. Á súa chegada á Quintana leron un manifesto no que detallaron que esta convocatoria é para "gritar" contra "un ano de masacres e destrución que parece non ter fin".
"Polas máis de 46.000 vítimas mortais ás que lles segaron a voz, contra a impunidade dos crimes de Israel e para dicir aínda máis alto e máis claro que os galegos non participaremos en silencio deste xenocidio televisado, por moito que si faga quen nos goberna", incidiron. Durante a xornada tamén conmemoraron a "digna resistencia" do pobo de Palestina, en Gaza e no "resto da Palestina histórica, contra os 76 anos de ocupación".
Palestina "vive unha situación crítica"
Á convocatoria tamén acudiu a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, que declarou, ante os medios, que o que vive Palestina "é unha situación crítica" e as consecuencias, desde o punto de vista humanitario, "son dramáticas".
"Actualmente, na Faixa de Gaza morren crianzas por fame e por falta de auga potábel. Ante esta realidade tan dura non podemos mirar para outro lado e é importante que toda a comunidade internacional se mobilice", sinalou Pontón. "É moi duro dicilo", continuou a líder do BNG, mais "hai que falar con moita claridade" e Israel "está a facer" co pobo palestino o que no seu momento "fixeron os nazis co pobo xudeu". Neste sentido, volveu pedir que tanto o Estado español como a Unión Europea (UE) "deben proceder" ao embargo de armas e á "ruptura de todas as relacións diplomáticas e económicas con Israel".
Catalunya e Euskadi
Unhas 4.500 persoas, segundo cifras da Garda Urbana de Barcelona, manifestáronse este domingo ao mediodía no centro da cidade en apoio a Palestina, baixo o lema 'Aturem o genocidi a Palestina: prou comerç d'armes amb Israel'.
Previamente, milleiros de persoas manifestáronse tamén este sábado en Bilbo (Euskadi) en apoio á "resistencia" do pobo palestino e para exixir "romper e combater todo tipo de complicidades co Estado sionista", así como "desnormalizar o Estado de Israel".
A marcha transcorreu polas principais rúas da cidade, coas súas participantes ataviadas de bandeiras e panos palestinos coreando lemas como 'Boicot Israel', 'Palestina askatu', 'Gora Palestinar erresistentzia', 'Desde o río até o mar, Palestina vencerá' e 'Non é unha guerra, é un xenocidio'.
Non foron estas as únicas mobilizacións, desde Nova Zelandia a Europa e até América, esta fin de semana discorreu con manifestantes pedindo por todo o mundo o cesanento inmediato dos bombardeos sobre a poboación palestina que leva a cabo o Goberno israelí.
- Obter ligazón
- Correo electrónico
- Outras aplicacións
- Obter ligazón
- Correo electrónico
- Outras aplicacións