Saltar ao contido principal

A folga na CRTVG pasa a ser indefinida desde esta cuarta feira, 16 de outubro

 Os paros decorrerán como nas catro xornadas anteriores, as segundas, cuartas e sextas feiras, entre as 11.30 e as 13 horas.


A folga convocada polo Comité Intercentros da CRTVG pasará a converterse en indefinida a partir desta cuarta feira, 16 de outubro, tras varios días de paros parciais. Así o comunicaba o comité cando convocou a folga, unha decisión que ratificaron esta terza feira ante a ausencia de resposta por parte da compañía.

O paro continuará realizándose como en xornadas anteriores: segundas, cuartas e sextas feiras, entre as 11.30 e as 13 horas, durante a emisión de O Termómetro, programa que, aseguran, exemplifica a "externalización" e a "dilapidación de recursos públicos" que leva a cabo a CRTVG.

Servizos mínimos

Esta mesma terza feira, o Diario Oficial da Galiza (DOG) publicou os servizos mínimos para o paro que, para o servizo de informativos, inclúe unha persoa documentalista; e tres informadoras en San Marcos e un nas delegacións da Coruña, Lugo, Ourense e Vigo para a redacción da Radio Galega

Para a redacción da Televisión da Galiza, estabelécense, como mínimo, oito informadoras en San Marcos e unha nas delegacións da Coruña, Ourense, Vigo e Lugo. En canto a reporteiras gráficas, deberá haber seis nas instalacións de San Marcos e, unha vez máis, unha por delegación.

Tamén se estabelece unha informadora a tempo real, unha deseñadora gráfico e unha grafista-tituladora; unha maquilladora, dúas persoas de produción; dúas realizadoras; catro axudantes de realización; unha operadora de posproducción ou unha operadora montadora de vídeo; unha operadora montadora de vídeo de inxesta PAM, unha operadora montador de vídeo de inxesta MAM e unha operadora montadoar de vídeo de media.

Respecto ao soporte e mantemento de emisións, solicítanse tres operadoras de continuidade, unha persoa de emisións, dúas operadoras de soporte, dúas técnicas de control, tres técnicas electrónicas de primeira ou técnicas electrónicas, unha electricista, unha axudante de mantemento, unha almacenista e unha analista programadora ou técnica de sistemas.