Pontón acusa o PP de "facer pagar a veciñanza" por un "sistema antiecolóxico, contaminante e caro".
Esta segunda feira, a líder da formación mantivo un encontro con Alcaldías do BNG para analizar o "taxazo" ao que deberán facer fronte os municipios galegos adscritos a Sogama, que pasarán a pagar 68 a 108 euros por tonelada de lixo.
Para Pontón, este incremento "unilatareal" decidido polo Goberno galego "sen consultar cos concellos" é "desproporcionado e abusivo", "unicamente busca favorecer as empresas amigas do PP" que forman parte de Sogama, evidencia o "fracaso estrepitoso" dese modelo que "prima a incineración" e "vai en contra" do que estabelecen as directivas europeas sobre xestión de residuos.
Ana Pontón lamentou que o PP insista en manter un sistema "antiecológico e contaminante" que obriga a "pasar a factura aos concellos, é dicir, á veciñanza" porque Sogama presenta "números vermellos" cuxo "principal causante" é o "elevado custo do transporte" para trasladar os residuos para a súa incineración, o cal debería "ser a última opción" e non a "fundamental" nun sistema de recollida de residuos moderno.
Así as cousas, avanzou que o BNG defenderá nas institucións onde están presentes iniciativas para tratar de "frear" o "taxazo" e, ademais, demandar "cambios de fondo no sistema de xestión de residuos".
"Non podemos seguir cun modelo contaminante, vello e fracasado", incidiu a líder frontista, que subliñou que o BNG avoga por reformular o sistema de recollida de lixo para apostar pola "separación, reutilización e a reciclaxe" que sitúe a Galiza "na vangarda".