Convocada unha mobilización nacional en solidariedade co pobo palestino e contra o xenocidio en Gaza
Terá lugar o día 6 de outubro, ás 12:00 horas, con saída da Alameda compostelá
Compostela, 9 de setembro de 2024.- A Coordenadora Galega de Solidariedade con Palestina, conformada pola Asociación Galaico Árabe Jenin, Galiza por Palestina e Mar de Lumes anunciou esta mañá, en rolda de prensa, a convocatoria dunha manifestación nacional, o vindeiro 6 de outubro, con saída ás 12:00 horas da Alameda compostelá. Unha mobilización que coincide na véspera do aniversario do xenocidio en Gaza.
Desde a Coordenadora Galega de Solidariedade con Palestina queremos denunciar a agresión desmedida e inhumana que soporta o pobo palestino, non só desde o 7 de Outubro, senón desde hai 76 anos. O estado terrorista de Israel leva décadas utilizando a forza militar e a violencia desmedida para manter un réxime de Apartheid na Palestina.
Condenamos a Israel polas súas prácticas de violencia extrema que deixan moitas máis das 40.000 vítimas mortais que están confirmadas, Falamos de milleiros de desaparecidas e de milleiros de feridas e enfermas que non teñen posibilidade de atención médica.
Denunciamos os chamamentos de altos cargos israelís ao xenocidio total en Gaza e a limpeza étnica de toda a Palestina, Estes chamamentos nos pasados días tiveron como resultado en operacións militares na Cisxordania, numerosos asasinatos, secuestros e destrución de zonas urbanas. Os ataques por terra e aire en Ienín, Nablus Tulkarén e Tubas tiveron como obxectivo principal os campos de refuxiados, incluíndo ataques a persoal médico e aos xornalistas que tentaban informar.
Denunciamos que desde Outubro de 2023 máis de 652 palestinas foron asasinados fóra de Gaza, incluídas 151 crianzas, máis de 3.300 desprazadas e unhas 12.000 detencións arbitrarias. Estas son ás verdadeiras reféns, as secuestradas polo exército de ocupación israelí e os colonos.
Non podemos obviar que a crecente violencia na Cisxordania coincide con niveis nunca vistos de desprazamentos e roubos de terras na colaboración do exército coas milicias de colonos armados. Todo isto continúa incuso despois de que a Corte Internacional de Xustiza concluíu que a ocupación é ILEGAL e Israel debe desmantelar os asentamentos.
Condenamos á Unión Europea pola súa vergoñenta pasividade, criticamos a posición ambigua do goberno de España que por un lado recoñece o estado de Palestina, mais non cesa o comercio de armas nin aplica accións inmediatas. E non podemos esquecer ao goberno galego, quen non foi capaz de aprobar unha declaración institucional pola Palestina e oculta as numerosas conexións e acordos comerciais con Israel.
Este é un momento no que todas as institucións deberían actuar con contundencia e romper os acordos académicos, comerciais, económicos e as relacións diplomáticas con Israel. Estas son as únicas medidas efectivas para parar o xenocidio do pobo palestino.
Por todo isto, facemos un chamamento urxente ao pobo galego para se mobilizar nunha grande manifestación nacional o vindeiro 6 de outubro en Compostela. Ese día, véspera do aniversario do xenocidio en Gaza, queremos que a Galiza levante a súa voz ante a inxustiza, que se manifeste en solidariedade co pobo palestino e que esixa accións concretas de quen nos goberna.
Desde hoxe até o 6 de Outubro manteremos as protestas e accións das que iremos informando. Debemos demostrar, como sempre facemos, que a Galiza non é allea á dor do pobo palestino, que a Galiza non é cómplice do silencio.
Galiza con Palestina!
Palestina Vencerá!
Para calquera aclaración podedes contactar con:
Anxela Gippini no 654 34 60 81
Oscar Valadares no 659 26 04 85
COORDINADORA DE SOLIDARIEDADE GALEGA CON PALESTINA