Saltar ao contido principal

Grazas, Princesa Leonor

 

Bieito Lobeira

Bieito LobeiraEx deputado no Parlamento galeg



Confeso que foi unha mestura entre curiosidade e puro masoquismo o que me levou a resistir 125 minutos da miña vida, esta pasada segunda feira, e de xeito ininterrompido, a ollar a TVG. E dentro dela, a sucesión de tres programas: "A vida galega da princesa Leonor", "Historias de aquí. Marín, Escuela de Oficiales I", e "Historias de aquí. Marín, Escuela de Oficiales II". E si, "escuela de oficiales", así, en español, nun programa da TVG.

Chamádeme friki, raro, ou directamente tarado, mais foi o que fixen. Prometo non repetilo, e non recomendo a ninguén facelo. De verdade, non é bo. E desculpade agora a deriva localista, mais eu, que nacín en Loira/Seixo, e que me criei, medrei, estudei e traballei en Marín, hai algunhas cousas que non podo deixar pasar, porque as coñezo e porque as vivín. 

Vou obviar, porque a ninguén sorprende, a liña manipuladora e falsa, de adulteración da realidade, que practica a TVG. É un escándalo. Foi unha publirreportaxe españolista e militarista, seguindo o guión máis reseso e enganoso: para eles en Marín non hai ninguén que cuestione a monarquía. Nin-guén. Até hai, a pregunta "inocente" da entrevistadora, quen cre que o feito de a princesa Leonor estar na Escola Naval Militar é en realidade unha demostración "feminista". Si, si. A conversión da monarquía española nun fenómeno progre, xuvenil, feminista e moderno. Até aí chegaron.

Mais o realmente inaceptábel foi escoitar "Leonor puxo a Marín no mapa" (sic), ou o "ben" que historicamente a Escola Naval lle fixo a Marín. Así que lles vou contar, señores e señoras da TVG, a miña particular e alternativa "historias de aquí". Aí a vai:
A Escola Naval instálase en Marín en 1943 –pleno franquismo–, nun contexto de brutal represión. Os militares golpistas aprópianse dos mellores terreos de Marín, pechándoo ao mar, e usurpan a illa de Tambo, á que posteriormente eucaliptizan por completo. Soterraron a desembocadura do río Lameira. Militares desa base, a punta de baioneta, cargaron, feriron e encarceraron mariscadoras contrarias á instalación de Ence na ría. Nestes 81 anos de existencia os mandos militares negáronse a permitir que se usase o hospital naval por parte de civís doentes ou accidentados en Marín, aínda en situacións de grave emerxencia.

Leva sendo durante oito décadas un espazo de privilexios para os militares e as súas familias: no uso privativo da praia da illa de Tambo, do porto deportivo e embarcacións a vela e motor (que pagamos todas e todos nós) para uso e desfrute exclusivo desa parentela, ou con amplos espazos dedicados a vivendas de luxo só para esa casta.

PS: E outra cousa, "listillos": Marín xa estaba no mapa antes de que Leonor nacese. Igual que Sanxenxo, antes do emérito corrupto cazar elefantes. Quen puxo a Marín no mapa foi quen o levantou. Nin militares golpistas nin a familia real. Foi o pobo traballador. Mariñeiros, traballadoras da conserva, empregadas e autónomos. Co seu traballo, con esforzo e sacrificio, e sen axuda de ningún rei ou raíña.