A Asociación Cultural Fuco Buxán é unha entidade sen ánimo de lucro que toma o seu nome e a súa irrenunciable tarefa dun poema de Celso Emilio Ferreiro “Carta a Fuco Buxán”: Fuco Buxán somos todos cando reclamamos dereitos e dignidade.
Dende o seu nacemento, hai agora vinte anos, ten un enfoque plural e participativo, afastado da concepción elitista da cultura que –entendemos- serve á loita pola liberdade, ó compromiso con Galicia e ós seus valores, hoxe tan necesarios para arroupar ás actuais e urxentes reivindicacións. Temos un enfoque claramente político, non partidista e de esquerdas. Aprendendo do movemento obreiro dos anos 60 e 70 facemos da nosa acción expresión de solidariedade e fomentamos a autoorganización dos afectados polas políticas de exclusión social, de agresión á maioría da xente, do neoliberalismo.
Constituímonos en foro de permanente debate de ideas, propostas e estudos socioculturais e económicos para vertebrar os novos retos colectivos aportando os nosos propios instrumentos de divulgación e mobilización: editamos publicacións de todo tipo (libros, programas de radio, audiovisuais, páxina web e tódolos medios que as tecnoloxías permiten) tendo sempre presente a memoria histórica, o mundo do traballo e o desenvolvemento sostible; a nosa revista (número cero/abril 1995) ten unha tirada próxima ós mil exemplares e unha difusión que chega a toda España, Europa e países latinoamericanos.
Promovemos as nosas actividades en todo ámbito galego de forma xenérica e, de forma específica, no de Ferrolterra, Eume e Ortegal pero non quedamos nos límites xeográficos sinalados e -cos pés no chan- camiñamos hai dúas décadas coa colaboración de moitas voces plurais, entre elas as de Xesús Alonso Montero, Ramón Chao, Ignacio Ramonet, Anxo Guerreiro, Santiago Carrillo, Federico Luppi, Juan J.Tamayo, Xavier Vence, Vicenç Navarro, Pascual Serrano, Manuel Murillo Carrasco, Suso de Toro, Ángel Gabilondo, Darío Villanueva, Manolo Rivas, Anxo Ferreiro Currás, Cristina Almeida, Antonio Martín Pallín, Lidia Senra, Santiago Alba Rico, Cristina Narbona, Federico Mayor Zaragoza, Anna Balletbò e tant@s outr@s, reforzando lazos entre persoas i entidades e incorporando ás novas xeracións o noso traballo, os nosos instrumentos de divulgación e mobilización. Todo elo a prol dun mundo mellor cando se evidencia a crise xeral do sistema capitalista.