Un profesorado maior e onde o peso daqueles e daquelas docentes máis mozas é moi pequeno. Esta é unha das fotografías que deixa o estudo do Consello Económico e Social (CES) sobre o ensino na Galiza.
Secundaria
Así, no que ao profesorado de ensino secundario se refire, dito informe anual do Consello reflicte que o grupo de profesoras e profesores menores de 30 anos supón no conxunto do Estado o 6% do total, mentres que na Galiza este grupo tan só representa o 2,9% do total. É a porcentaxe máis reducida de todas as comunidades, lonxe dese 11,1% de Nafarroa ou do 9% da Rioxa. É unha porcentaxe que non chega nin á metade da media do conxunto do Estado español.
No extremo oposto, o grupo de maior idade —con máis de 60 anos— representa de media no Estado o 5,7% do total, fronte ao 7,7% do total na Galiza. Só Madrid, con 8,3%, e Euskadi, con 7,8%, teñen neste sentido peores datos. Ademais, o 39,8% do profesorado na Galiza ten de 50 a 59 anos, fronte ao 32,2% de media no Estado español.
Infantil e primaria
No que aos mestres e mestras se refire, a Galiza é a segunda comunidade con menor peso relativo do profesorado menor de 30 anos, tan só superada por Estremadura (6,3% e 4,5%, respectivamente). Na media do Estado, o peso relativo do corpo de mestras e mestres máis novo é de 9,7%, situándose en Nafarroa en 22% e superando 15% en Madrid. As mestras e mestres cunha idade superior a 50 anos representa na Galiza o 34,8% do total (29,1% no Estado), o que a sitúa como a terceira comunidade co peso máis elevado, após Canarias (41,2%) e Euskadi (38,3%).
Xénero
Analizando a distribución por sexo do profesorado de réxime xeral, o informe anual do Consello Escolar do Estado 2023 sinala a importante presenza de mulleres nas ensinanzas de réxime xeral, tanto nas distintas etapas educativas como nas diferentes comunidades.
En concreto, a presenza de mulleres na Galiza é superior á media do Estado. Así, no curso 2021-2022 (último con datos dispoñíbeis), o 74,1% do profesorado de ensinanzas de réxime xeral son mulleres (72,3% no Estado), situándose esta porcentaxe en 84,4% no caso da educación infantil e primaria (83,8% de media no Estado) e en 61,6% na ESO e Formación Profesional (59,9% de media no Estado).
Público e privado
En 2008, había na Galiza 19.337 unidades en funcionamento no ensino, cifra que aumenta lixeiramente en 2023, con 12.376. Mais nestes anos deuse unha evolución. Se daquela menos do 24% desas aulas pertencía a centros privados, agora é 1 punto máis, e xa representan 25%, 1 de cada 4.