Afirma que o anteproxecto significa "un paso atrás na independencia e función social dos nosos medios"
O escrito manifesta que ningunha das asociacións do sector foi interpelada no período de consulta previo á elaboración do texto" e considera un elemento central de calquera reforma lexislativa do eido audiovisual outorgar "cando menos voz aos seus profesionais e empresas".
A seguir, afirma que o anteproxecto significa "un paso atrás na independencia e función social dos nosos medios", apuntando que "os elementos principais da lei aprobada no 2011 nunca foran desenvolvidos nestes anos, obviando a norma en vigor e deixando ir unha transitoriedade que chega até hoxe. A nova norma estende esa anomalía e profúndaa con medidas que contraveñen as máis básicas funcións dos medios públicos: elimina o Estatuto Profesional e o Consello de Informativos, afasta a elección do director xeral da procura do consenso e apunta unha proposta que obriga a reformular o principio fundacional da CRTVG respecto da promoción da lingua galega e a súa difusión: a apertura da emisión de contidos en castelán". A Mesa considera que a relevancia dos medios públicos como garantes da lingua, o seu coidado e a súa difusión son unha liña vermella sobre a que non corresponden pasos en falso e si moita reflexión, explicación e compromiso (...) máis se cabe nun momento no que as obras en galego rompen fronteiras nacionais e internacionais ao tempo que o uso da mesma entre a nosa poboación sofre retrocesos preocupantes".
Igualmente considera que a eliminación do Estatuto Profesional e do Consello de Informativos supón un evidente paso atrás na independencia dos medios públicos da Galiza e que que a elección do director xeral "debe realizarse co maior consenso posible atendendo aos principios de representación política e social".
Por iso, a Mesa solicita as debidas explicacións ao respecto desta proposta anunciada pero non consultada ademais dunha reunión de carácter urxente co Presidente da Xunta da Galiza, de quen depende directamente a actual Corporación de Radio e Televisión de Galicia e desde a que se promove este novo anteproxecto