Saltar ao contido principal

Negar a voz, negar a vida

 

Carme Adán

Carme AdánProfesora



Pódese prohibir ser oída? É posíbel desterrar a fala das mulleres? Todo semella que si. Que as mulleres afgás serán obrigadas a falar tan baixo que o aire que mova as cordas vocais sexa mínimo. Que se eliminarán os seus cantos. Que se lles arrincará toda posibilidade de comunicación. Serán enterradas baixo reixas de tela e misoxinia. Ao pensalo, ficamos paralizadas polo horror. A noticia dunha nova lei de virtude e prevención do vicio impactounos durante un segundo, pode que un minuto, mais seguimos na distancia como quen ve un documental.

Onde estamos as mulleres? Que teñen que dicir aquelas que gobernan, a que aspira a ser a primeira presidenta dos EUA, as que teñen voz nos Parlamentos, na ONU. As que teñen voz tamén calan? Calamos todas? Afganistán xa non é noticia, xa non é un perigo para occidente porque todas as súas riquezas e o seu opio está controlado polo amo correcto. A guerra de vinte anos librada por EUA, que culminou coa chegada dos talibáns ao poder, deixouno como un dos países máis pobre do planeta. Un país con enormes recursos naturais: carbón, petróleo, gas natural e valiosos minerais. Un país que nos fai desconfiar dos intereses de liberdade das guerras de occidente e nos obriga a pensar nos intereses xeoestratéxicos polo control mundial que as sosteñen.

De que serve que a ONU afirme que as mulleres afgás sofren un "apartheid de xénero"? Que reitere documento tras documento a perda de todos os seus dereitos humanos. Non poden subir a un transporte público sen ir acompañadas dun home, non poden ser vistas nin oídas. O control das súas vidas vai máis alá dun apartheid, están obrigadas a unha morte civil. Os niveis de violencia que sofren son inimaxinábeis, a súa vida non vale nada. Algúns dos testemuños que podemos ler, conmocionan. Poden ser golpeadas en público case por calquera cousa. A partir de agora mesmo por un rumoreo que un home considere transgride a virtude e promove o vicio.

Negar a voz das mulleres é unha constante do patriarcado que atravesa culturas, sociedades e épocas históricas. Non é unha distopía da man de Margaret Atwood. É real. Podemos comentala aquí con impotencia, tentar comprender a súa orixe neses textos escritos por señores, atribuídos a voces divinas, que asentan o poder na negación do feminino. Non entraremos a desentrañar a orixe antropolóxica desa rabia cara ao feminino que enchoupa as relixións monoteístas. Non obstante, todas comparten a obsesión por roubarlle o pensamento ás mulleres, por deixalas de gardiáns dunha moral que pertence aos homes, pero que encarnan en forma de mal e tentación.

Entender as xenealoxías do poder non mellorará as súas vidas. Só a intervención política podería facelo, de non ser outros os intereses das potencias mundiais e dos traficantes de opio. Que por momentos poden coincidir. Como tantas veces na historia silenciada das mulleres, serán quen de manter a súa voz no maior dos silencios. Máis difícil resulta dixerir o noso silencio no maior dos ruídos.