Quen controla os controladores? Cando facemos esta pregunta referida ao Poder Xudicial (PX) as dúbidas e desconfianza xorden inmediatamente. Hoxe a política instrumentaliza o Poder Xudicial. Mais o PX actúa como un partido máis e nas altas instancias a politización da xustiza protagoniza casos sonoros, silenciando outros merecentes de actuación xurídica. Se entre as funcións do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) está a función disciplinaria, causa asombro, indignación e “cabreo” o control ao longo de cinco anos da non renovación deste órgano. A Comisión de Ética Xudicial, formada por xuíces de carreira elixidos por eles mesmos, tampouco é garante de obxectividade e neutralidade. Impunemente poden manifestarse contra unha lei antes de ser aprobada polo Poder Lexislativo, como sucedeu coa Lei de Amnistía. Corrixindo e sobrepoñéndose ao poder representativo da “Soberanía Popular”: o Congreso dos Deputados/as. Hai numerosos casos. Puigdemont, perseguido por “malversación agravada e beneficio do diñeiro público en Bélxica, e branqueo de capitais”. A fiscalía do Tribunal de Contas pide a trinta e cinco ex cargos do “procés” 883.695 euros polo referendo e 2.209.503 pola acción externa.
Se tan dilixentes son os xuíces en certos casos por que non actúan de igual maneira cando hai algo máis que sospeita de prevaricación ou malversación do erario público? Nós, na Galiza, temos casos merecentes de investigación xudicial. Por exemplo, segundo o informe do Consello de Contas, hai un sobrecusto de 470 millóns de euros na construción do hospital público Álvaro Cunqueiro de Vigo. Un hospital cunha redución de 11. 972 metros cadrados útiles sobre o proxecto inicial. Na memoria fálase de 2.000 camas pero realmente son 845 ampliábeis a un 30% máis.
Foi construído baixo o goberno de Núñez Feixoo contra o principio de igualdade de trato, non discriminación, de concorrencia e de transparencia na contratación pública.
A empresa concesionaria do hospital Álvaro Cunqueiro recibiu do Goberno galego 659 millóns de euros dende o 2015. No modelo de financiamento público-privado que impón o PP de Nuñez Feixoo, a Xunta da Galiza deu á sanidade privada 2.131 millóns de euros entre os anos 2013 e 2022. Na Galiza hai 18 hospitais privados e 15 públicos.
Que fan Llarena, Piñar, Peinado? Quen controla o controlador e quen detenta o poder?