Nove exposicións abrirán de maneira simultánea os días 19 e 20 de setembro.
O día 19 abrirán en Santiago a galería Trinta, coa exposición Amada, da artista Juana González; Dupla, que mostrará a obra da recoñecida artista urbana Lula Goce, cuxo mural Dona do Esteiro, en Nigrán, foi escollido como o segundo mellor do mundo pola plataforma Street Art Cities; a galería Luisa Pita, con Al otro lado del espejo, do artista ovetense Fernando Suárez Reguera; e Metro, coa mostra Tienes un gusto de mierda. Yo también, de Suso Basterrechea.
Na Coruña, Nordés inaugurará unha mostra coa obra do xa histórico Ánxel Huete; Moret Art, presentará Fragilis, do artista de Valdeorras Iván Prieto, un dos de maior proxección internacional da súa xeración; e Vilaseco ofertará obra do artista madrileño Eduardo Martín del Pozo na exposición Las flores más caras.
En Vigo, a galería PM8 contribuirá a Aberto coa exposición Le Visage, da artista lituana Elena Narbutaité.
Finalmente, o día 20, na galería Marisa Marimón de Ourense, engadirase Friccións, da fotógrafa Ariadna Silva Fernández, un proxecto que pescuda nas cicatrices deixadas pola catástrofe do Prestige. Na mostra poderá verse a peza audiovisual do mesmo nome, gañadora do Premio Contemporánea en Interseccións Festival Internacional de Cine de A Coruña.