O verán na Galiza non contará con todos os centros de saúde abertos. Haberá feches e as usuarias e os usuarios dos centros afectados terán que desprazarse a outros para recibir asistencia. Así o apuntou esta segunda feira o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda.
"En centros moi pequenos e temporalmente terán que desprazarse a outros centros para recibir asistencia", afirmou Rueda, que dixo que esta situación xa se viviu "noutros anos". O presidente mesmo recoñeceu que é "imposíbel" co persoal actual manter todos os centros en funcionamento con normalidade.
As declaracións de Rueda prodúcense apenas 24 despois de que o propio conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, afirmara nunha entrevista na Cadea Ser que este verán ía producirse unha "reordenación da asistencia" sanitaria. Gómez xustificou a medida debido á falta de dispoñibilidade de persoal a curto prazo e anunciou que o Sergas traballa xa nun plan de recursos humanos que terá ultimado nun ano e que permitirá identificar as necesidades de persoal .
Preguntada por Nós Diario, desde Sanidade indican que o que se fai é reorganizar a asistencia “en función das circunstancias particulares de cada zona e dos reforzos que poida haber”. En todo caso, apuntan, “tentarase que [a reorganización] sexa a menor posíbel” e afirman que a totalidade dos Puntos de Atención Continuada (PAC) van seguir funcionando durante o verán.
Noutra orde de cousas, Alfonso Rueda anunciou na comparecencia após a reunión semanal do Goberno galego que hoxe presentarase publicamente en Valença do Minho un manifesto subscrito entre a Xunta da Galiza e a Comissão de Coordenação e Desenvolvimento do Norte para reclamar que no prazo previsto, 2032, estea finalizada a Alta Velocidade que conecte a Galiza e o Norte de Portugal.