Saltar ao contido principal

CRTVG(PP) OPINIÓN Editorial

 Onte confirmouse o que era un segredo a voces: o Goberno galego impulsa unha lei para controlar (aínda máis) a CRTVG e acabar así de convertela na plataforma de propaganda do PP, pois só serán necesarios os votos das deputadas e deputados deste partido para elixir a persoa que ocupará o posto na Dirección Xeral do ente público. Aos seus 75 anos, Alfonso Sánchez Izquierdo é o director xeral máis lonxevo da CRTVG e o seu mandato deixa tras de si un ronsel de conflitos, denuncias e casos de manipulación e represalias. Para poder mantelo no cargo -a Lei de Medios estipula que para nomear a Dirección Xeral é necesaria unha maioría cualificada-, o PP tivo que realizar en 2016 unha polémica manobra empregando para iso a coñecida como lei de acompañamento dos orzamentos.

Pero por se o control absoluto non fose suficiente, o PP busca coa nova lei dar entrada ao español nos contidos dos medios públicos, alén dos anuncios publicitarios. Un auténtico ataque contra o idioma propio da Galiza, que é un dos piares sobre os que se sustentou a creación da CRTVG, máis parecida hoxe a Telemadrid, tanto polo perfil de boa parte das persoas colaboradoras, que maltratan co seu uso o galego e/ou o desprezan, como pola axenda centrada no que acontece en Madrid e na promoción de Alberto Núñez Feixoo e de Alfonso Rueda.