Saltar ao contido principal

A Galiza clama contra Altri nunha multitudinaria mobilización en Santiago de Compostela

 Marta Gontá pediulle a Rueda “que non sexa cómplice da implantación pola forza dunha industria contaminante” e Xaquín Rubido criticou “o modelo colonial de espolios que impulsa a Xunta”.


Milleiros de persoas chegadas desde todos os puntos do país rodearon este domingo a sede da Xunta da Galiza en Santiago de Compostela ao berro unánime de “Altri Non

Arredor de 45 autobuses procedentes da Ulloa, a Comarca do Deza, Terra de Melide, Arzúa, a Ría de Arousa, as sete grandes cidades galegas ou A Mariña de Lugo, sumáronse arredor de San Caetano ao acto simbólico convocado pola Plataforma Ulloa Viva e a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) para esixir ao Goberno do PP “que leve a cabo a súa obriga mais relevante, que é mirar polo benestar das galegas e galegos”, segundo dixo a presidenta de Ulloa Viva, Marta Gontá, en declaracións aos medios ao comezo do acto reivindicativo.

Gontá pediulle ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, “que non sexa cómplice da implantación pola forza dunha industria altamente contaminante que nos obrigaría a vivir peor a cambio de beneficios privados para catro".

Ante a “actitude” da Xunta e a “falta de comunicación coa veciñanza” ao respecto do proxecto da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei, a Plataforma Ulloa Viva advertiulle a Rueda que “si insiste en estar do lado da empresa e non dos veciños e veciñas, teranos enfronte".

Pola súa parte, o presidente da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, Xaquín Rubido –que destacou a “colaboración” das Confrarías da Ría de Arousa, das Agrupacións de bateeiros, “de moitos concellos da zona”, da Federación Provincial de Confrarías de Pontevedra da Mancomunidade do Barbanza e da Confederación Intersindical Galega (CIG) en contra da instalación da celulosa de Altri- tamén explicou en declaracións aos medios que o modelo da macrocelulosa de Altri e a Mina de Touro “non ten en conta o territorio, nin a xente, nin a nosa forma de vida e cultura”.

Segundo dixo Rubido, trátase “dun modelo colonial onde espolian os bens dun lugar e marchan cando o teto está seco, deixando atrás unha terra queimada”.

Ao comezo da mobilización, o presidente da PDRA advertiu que “este modelo que está a impoñer a Xunta do PP destrúe o noso emprego, favorece o cambio climático, contamina o medio do que vivimos e arruína a nosa soberanía alimentaria”. Por iso, denunciou que á Xunta da Galiza as persoas que viven en Palas “non lle importan nada”.

Manifesto

A lectura do manifesto desta convocatoria correu a cargo dunha representante da Plataforma Ulloa Viva, e María Porto, presidenta das Mariscadoras a Pé de Carril (PDRA). Comezaron explicando que “non” queren a macrocelulosa “que Altri, Greenalia e a Xunta queren chantar no corazón da Galiza”.

“Non queremos un monstro que mastigue eucalipto para vomitar 400.000 toneladas de celulosa, non queremos unha samesuga xigante que absorba 46 millóns de litros de auga do Ulla ao día e devolva unha parte sucia e quente, non queremos 100.000 toneladas de gases de efecto invernadoiro, non queremos unha bomba ambiental que afogue o río e dane aínda máis o mar da Arousa”, engadiron.Rodeando San Caetano, criticaron que “a Xunta do señor Rueda, que máis ca un presidente de todas as galegas e galegos parece o comercial de Altri, importámoslle ben pouco”. Lembraron tamén que presentaron “máis de 20.000 alegacións, e teima en dicir que deciden os técnicos, e ese suposto gabinete inventado non é máis que unha tapadeira, un parapeto detrás do que agochar as decisións políticas do señor Rueda”.

Puxeron, ademais, na lectura do manifesto o foco no Goberno do Estado, asegurando que “debe saber que o pobo galego non quere Altri, non quere un proxecto que converta a terra e a auga en miseria. Non pode dar luz verde a un proxecto que incumpre todos os principios para non causar danos significativos ao medio ambiente. Non é posíbel que un proxecto como Altri poida optar a fondos europeos, e todas sabemos que sen os cartos públicos, sen os cartos de todas e todos os nós, sen eses 250 millóns que a multinacional pretende extraer de Europa, non haberá macrocelulosa”.

Ao remate do acto, concluíron que “é o Goberno galego o que debe cesar no seu apoio a Altri. É o Goberno de Madrid o que debe negar a este proxecto as axudas europeas. Os gobernos existen para facilitar a vida das persoas, non para atacarnos. Os gobernos existen para apostar por esta terra e polo seu futuro. Queremos seguir vivindo e traballando na nosa terra, e por iso berramos ben alto e ben claro con todo o noso corazón: Altri non!”.

Por último, á finalización da lectura do manifesto un grupo de 20 músicos chegados de distintos concellos de todo o Ulla até a Ría de Arousa subiron ao escenario para interpretar unha adaptación con letra de Miki Varela da cantiga tradicional compostelá ‘O Monte Viso’.n