| ![]() | ![]() ![]() ![]() | ||
|
Bo día!
Escribímosvos case un mes despois da manifestación de Palas para dicirvos, en primeiro lugar, gracias. Foi moi emocionante para nós sentir o apoio e a demostración de forza dun pobo dicindo que, xuntas é posible defender un rural onde non se implanten empresas que son incompatibles co noso modo de vida e que nos expulsan da nosa terra.
Agora, á espera da resolución administrativa aos miles de alegacións presentadas contra o proxecto de Altri, precisamos seguir amosando a forza da nosa unión. Por iso, convidámosvos a seguir apoiando esta loita.
Desta volta, facemos un chamamento a participar nunha acción convocada, xunto á Plataforma pola Defensa da Ría de Arousa, baixo o lema “Arrodeemos a Xunta ao berro de altri non”. Para realizala, xuntarémonos nunha nova marea humana ao redor dos edificios administrativos de San Caetano, en Santiago de Compostela, para expresar o noso rexeitamento á implantación dunha macrocelulosa na Ulloa.
A data escollida para realizar esta acción foi o 30 de xuño. Para iso, convocamos a todas as persoas, organizacións e asociacións que queiran apoiala ás 12:00 horas xunto á capela de San Caetano, onde nos coordinaremos para facer unha cadea humana e arrodear a Xunta. De cara a que todo se desenvolva nas mellores condicións, haberá un servizo de orde que axudará a levar a cabo a acción.
Do mesmo xeito que se fixo en Palas, haberá unha orde na colocación dos diferentes colectivos. No punto central estarán as faixas da Plataforma da Ulloa e da Plataforma pola Defensa da Ría de Arousa. A cadea irá medrando a partir de aí coa suma da xente e das diversas faixas que se vaian incorporando por orde de chegada.
Axuntamos un documento no que se recollen os buses confirmados para apoiar a asistencia a día de hoxe.
Vémonos o 30 de xuño en Compostela!
Dende a Ulloa ata a ría, terra, auga e aire son vida
Seguimos