Saltar ao contido principal

A Rapa das Bestas cumpre 50 anos montando a gran festa da Capelada

 



Este sábado comezan as propostas abertas ao público para celebrar a Rapa das Bestas no curro da Capelada, que continúan até o domingo, cando terá lugar a popular baixada dos cabalos salvaxes e as carreiras de galope. Ademais das actividades que dan sentido ao encontro, os dous días complétanse cun programa de ocio para todos os asistentes.


O primeiro día comeza co reconto, rexistro e desparasitado dos animais. Este proceso, que se desenvolve na tarde do sábado, consiste, en primeiro lugar, en identificar os cabalos que deron entrado no curro. Cada propietario recoñece as súas bestas e observa se “ao mellor hai algunha que trae cría e non sabía dela”, exemplifica Jorge Bellón, presidente da asociación San Andrés de Teixido Eventos.


Unha vez distinguidas, ás bestas adminístraselles por vía oral unha pasta veterinaria para liberalas de parásitos intestinais e outro tratamento exterior para a mosca, segundo indica o organizador. Así mesmo, Bellón explica que o rapado do rabo e a crina realízase para que estes animais estean cómodos camiñando entre silvas e toxos, ademais de aliviar a calor do verán.

Aínda que se trata de cabalos salvaxes, que viven en liberdade pola serra, estes contan con persoas resposables deste tipo de  coidados que se realizan cada ano na Rapa. Pero este non é o único día de traballo, xa que na semana previa tamén vanse xuntando os animais debido á gran extensión na que viven.


“Ten as súas vantaxes porque coida os nosos montes e nos libra de focos de incendios, é dicir, que fai un traballo moi grande”, declara o presidente da asociación para argumentar que “co cal, tamén te ves na obligación, aparte de porque che gustan, de intentar coidalos un pouquiño”, engade.


Na tarde do sábado tamén haberá tempo para os festexos, que incluirán a oferta de pinchos e sorteos para os asistentes. Ademais, non faltará a música, xa que o programa inclúe unha verbena a cargo de Marisol Novo. O domingo será o día grande, xa que as actividades distribúense ao longo de toda a xornada. Está previsto que a partir das 10.00 horas se produza a impoñente baixada das bestas e o peche do curro.

 

Ao mediodía volverá o ambiente de troula coa sesión vermú, e ademais haberá unha carpa con bebidas e churrasco a disposición. O entretemento para os máis pequenos tamén está asegurado, xa que haberá xogos destinados a eles. Para rematar co programa do domingo, pola tarde realizaranse as carreiras de galope con cabalos de corte, dos que cada un dos xinetes participantes ocuparanse de transportalos. Os interesados en formar parte desta actividade poderán inscribirse no mesmo día, antes das 12.00 horas. Para os gañadores haberá tres contías e trofeos.

Tradición

“Estamos no medio da serra da Capelada e iso xa é un atractivo especial para quen lle guste o monte e a natureza”, expresa Jorge Bellón. O encanto para o público está asegurado, pero este responsable considera máis complicado o futuro debido ao escaso relevo xeracional. “Neste momento hai un grupo bastante importante, pero moitos son colaboradores que veñen esta semaniña, e se agradece un montón, aínda que nalgún punto tamén se han de cansar”, relata o organizador.

 

Non obstante, o máis imprescindible para conservar esta tradición é a existencia dos propios animais. 
“Agora mesmo é difícil a crianza de cabalo salvaxe por conta das manadas inmensas de lobos que hai pola zona”, manifesta Jorge Bellón. Ademais dos poldros que comen estes cánidos, o encargado comenta que tamén  se rexistran numerosos ataques a exemplares grandes.


O problema parte de que “non é que o maten e o coman, porque entendo que é un animal e ten que criar a súa manada”, senón que “simplemente unha trabada implica que haxa unha infección nun animal salvaxe que non podes medicar nin tratar porque cando te enteras xa está morto”, detalla o presidente de San Andrés de Teixido Eventos.


Ao mesmo tempo, o responsable comunica que se trata dunha paixón que non achega ningún beneficio económico. En canto ao consumo da carne, Bellón indica que se trata dun hábito minoritario, de carácter eminentemente local, que non está apenas extendido por esta comunidade. “En Francia si, ou incluso por Andalucía, por exemplo, hai moita tradición de comer cabalo”, explica o presidente da asociación.