Saltar ao contido principal

A Policía identifica a Elvira Souto e aprópiase do seu kuffiyah tras berrar a Von der Leyen "Palestina vencerá"

 A veterana loitadora non se enrugou e mantívose firme nas súas demandas, como xa fixera nos anos de loita contra o franquismo.



Elvira Souto Presedo leva moitos anos na loita democrática na Galiza. Militante nacionalista na clandestinidade franquista, encarcerada en diversas ocasións, exiliada en Portugal entre 1975 e 1976 canda outros dirixentes da UPG tras o asasinato de Moncho Reboiras o 12 de agosto de 1975, que naquela xornada partillaba piso con ela e Lois Ríos, e primeira secretaria xeral dese partido, volveu onte a ser identificada pola policía

Souto comenta a Nós Diario que “ao redor das 12:40 saía Von der Leyen do Hostal dos Reis Católicos en Santiago de Compostela. Había polis por todas partes, uniformados e secretas. Da policía e da Unidade Central de Vixilancia ou algo parecido”. Nese momento, achegouse á comitiva de Ursula Von der Leyen para afearlle a súa posición en relación con Palestina.

“Ao saír a comitiva con Von der Leyen e Núñez Feixoo no centro", explica Souto, “eu, que estaba moi próxima do cordón policial, abrín, axitei a kuffiyah e berrei: 'Von der Leyen'. Ela, loxicamente, ollou para ver de onde saía a voz e nese momento berrei 'Palestina vencerá'. A partir de aí, comeza a acción dos corpos de seguridade do Estado contra esta profesora xubilada da Universidade da Coruña de 76 anos.

Souto explica que “despois un da secreta deume un empurrón e un policía arrancoume a kuffiyah e outro obrigoume a saír do grupo de xente que miraban pasar a comitiva”. Porén, esta veterana loitadora contra a ditadura non se enrugou e mantívose firme nas súas demandas, como xa fixera nos anos de loita contra o franquismo.

A histórica militante nacionalista sinala que “presionei, non moito, para que non me apartasen do grupo, dixen que quería estar onde estaba o resto da xente e a resposta foi: 'Usted no'. Despois un axente identificoume”. Souto, con moitos anos de loita encima, volveuse cara os axentes.

A seguir fun pedir que me devolvesen a miña kuffiyah”, apunta Souto, “mandaron vir ao xefe do operativo, e este indicoume que quen ma arrancara das man fora un da Unidade Central de Vixilancia e que tiña que ir pedilo ao Ministerio do Interior. Preguntei se non había un lugar na Galiza onde podese recuperar o que é meu e contestou que non que ía camiño de Madrid”.

Souto sinala que “non había nada que representase un perigo para a seguridade da comitiva” e apunta que “non ten explicación a resposta policial”. Porén, teme que se estea poñendo en marcha un proceso de criminalización da “solidariedade con Palestina”. Así e todo, xa está preparada para a seguinte batalla.

protesta de Souto non foi a única desta xornada en Compostela. Previamente, un grupo de persoas expresaron o seu rexeitamento á visita de Von der Leyen na mesma Praza Obradoiro. Neste caso a policía non interveu.