Unha multitudinaria marcha clama na Ulloa contra a fábrica de Greenfiber: "É un atentado á nosa maneira de vivir"
Máis de 20.000 persoas marcharon na mañá deste domingo polas rúas de Palas de Rei (A Ulloa) para mostrar o seu rexeitamento ao proxecto de macrocelulosa que a multinacional portuguesa Altri quere instalar na localidade, nunha histórica manifestación que mobilizou até o corazón da Galiza plataformas, colectivos e asociacións de todos os puntos do país.
Baixo o lema 'Desde a Ulloa até a ría, auga e aire son vida! Altri Non!', a manifestación partiu pouco antes das 12.30 horas desde o Polígono industrial da localidade e dirixiuse, a través da estrada N-547, cara ao centro do municipio para concluír nunha abarrotada praza da Feira.
En declaracións aos medios antes do inicio da marcha, a portavoz da Plataforma Ulloa Viva, Marta Gontá, sinalou que este domingo querían dar "o segundo golpe na mesa" e visibilizar que a comarca non quere "nin a Altri nin a Greenalia nesta contorna".
"Este proxecto parécenos un atentado directo á nosa maneira de vivir e ao noso medioambiente e hoxe, despois das 25.000 alegacións que presentamos, imos volver dicir alto e claro que non queremos este proxecto porque vai en contra de todo o que queremos", reivindicou.
Ao longo da mañá rexistráronse retencións quilométricas nas estradas que levan a Palas de Rei ao seu paso por municipios como Melide e Arzúa.Os atascos bloquearon a circulación, especialmente na N-547, incluso após o comezo da manifestación, polo que a cifra de asistentes á marcha contra a celulosa de Altri que achegou a organización —máis de 20.000 persoas— podería ser incluso superior.
- Obter ligazón
- Correo electrónico
- Outras aplicacións
- Obter ligazón
- Correo electrónico
- Outras aplicacións